A Casa de Galicia en Madrid acolleu unha exposición de obras da última década do artista pontevedrés Juan Garcés
Preséntouse como homenaxe ao desaparecido artista e preámbulo a unha retrospectiva antolóxica que preparan os seus achegados
Jiménez - segundo pola esquerda - e familiares de Juan Garcés a carón do autorretrato do pintor
Fotos: Casa de Galicia / Madrid
Infogauda / Redacción
Infogauda / Redacción
A Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia acolleu no pasado mes de outubro unha mostra da pintura do desaparecido artista pontevedrés Juan Garcés, que xa exhibiu a súa arte nas súas instalacións en 2003. A exposición, pudo verse ata o pasado día 30, nas salas A e B da Casa e estivo composta por unha selección de trinta obras da última década do artista de temáticas diversas (figuras, mariñas e paisaxes, sempre presentes na súa traxectoria) e presentouse como homenaxe ao artista e preámbulo a unha retrospectiva antolóxica que sobre a súa traxectoria artística están a preparar os seus achegados.
Soledad Garcés e Ramón Jiménez
Na inauguración da exposición interviñeron Soledad Garcés, irmá maior do pintor, licenciada en Filoloxía Germánica e profesora de Historia da Arte, e, en representación do delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega, o coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez.
Unha xoven contempla unhas das obras expostas
Jiménez afirmou que “os cadros de Garcés sobordan alegría e elegancia. O seu estilo é personalísimo, por máis que recibisen influencia doutros pintores”. “Son cadros que navegan libremente polos mares máis recónditos, pero que cando se divisan de lonxe en calquera parede fanlle enseguida exclamar ao seu descubridor: Vaia, un Garcés!”.
Pola súa banda, Soledad Garcés afirmou que o seu irmán tivo unha vida apaixonada e creativa, lembrou a infancia do pintor e como empezou a desenvolver os seus dúas grandes paixóns: a mariña e a pintura, algo que atopou unido no cadro que se mostrou nun o cabalete durante o acto, un autorretrato de Juan Garcés de neno mariñeiro xogando na beira do mar cun barquiño.
Dúas mozas pousan diante de un dos cadros de Juan Garcés
Segundo a doutora en Historia Nuria Alonso, prologuista do catálogo da mostra, na exposición “achamos, pasado polo tamiz e o innato sentido da cor do pintor, a confluencia das correntes vangardistas do século XX” e tamén “a biografía de Juan e as pantasmas do seu espírito, cando sendo moi neno o seu pai morreu no mar”, na Guerra Civil, feito ao que atribúe que “os seus mares non representan alegres ondas azul turquesa do Mediterráneo senón tons escuros e profundos”.
A inauguración asistiu numeroso público
Juan Garcés Espinosa (Marín, 1935 - Madrid, 2014). Comeza a pintar desde neno e ségueo facendo embarcado na Mariña e viaxando por todo o mundo. Desde mozo frecuenta, como caricaturista, algúns faladoiros no Café Gijón de Madrid onde coñece a Camilo José Cela que apadriña a súa primeira exposición en Palma de Mallorca. A finais dos sesenta instálase en Madrid e expón a súa obra por toda a xeografía peninsular e fóra de España, en países como Xapón, México, Venezuela ou Estados Unidos.
Membro fundador do Grupo Tago e relator de pintura na Real Orde do Mérito das Belas Artes, as súas obras están presentes, entre outros sitios, no Museo Español de Arte Contemporánea de Madrid, no Museo Camón Aznar de Aragón e no Museo de Belas Artes de Granada. Entre os premios que recibiu figuran a Medalla de Santa Isabel, o Premio Nacional do Exército 1972, e a Medalla ao Mérito nas Belas Artes.
Compre salientar que tanto Juan Garcés como súa familia sempre estiveron moi vencellados o pobo de A Guarda.





Ningún comentario:
Publicar un comentario