20 de nov. de 2015

BRUXELAS

ANTONIO LOMBA BAZ E VARIOS ALCALDES GALEGOS VISITAN BRUXELAS PARA COÑECER O FUNCIONAMENTO E OS PROGRAMAS EUROPEOS AOS QUE SE PODEN ACOLLER OS CONCELLOS  

Convidados polo Parlamento Europeo manterán varias xuntanzas coa Fundación Galicia-Europa e terán un encontro co eurodeputado socialista José Blanco  

O rexedor guardés centrará a súa visita en coñecer os principais mecanismos de financiamento da UE para pequenos e medianos concellos con atención especial aos Fondos Europeos para a pesca e o programa Operativo de Cooperación Transfronteriza 

O alcalde de A Guarda, xunto cos seus homólogos de outros municipios, e o eurodeputado socialista José Blanco
Fotos: C.A.G.

Infogauda / Bruxelas

 O alcalde do Concello de A Guarda, Antonio Lomba Baz, na compaña de varios rexedores galegos entre os que se atopan tamén os de Silleda e Ponte Caldelas, Manuel Cuíña e Andrés Díaz, respectivamente, participan en Bruxelas nunhas xornadas sobre os diferentes programas de financiamento europeo que poden resultan de interese para a administración local.  

 "A intención de Antonio Lomba Baz con esta viaxe ao corazón da Unión Europea é dispoñer das ferramentas necesarias para elaborar programas de desenvolvemento local de carácter europeo que podan ser aplicados durante estes catro anos de lexislatura no municipio de A Guarda", informaron desde o executivo municipal guardés. 

Antonio Lomba Baz - primeiro pola dereita - con José Blanco e os alcaldes de Silleda e Ponte Caldelas

 O amplo programa deseñado para os alcaldes inclúe diferentes xuntanzas con altos funcionarios da Unión Europea, coa Fundación Galicia-Europa e co Comité das Rexións así como varios encontros co eurodeputado socialista José Blanco que lles servirá de anfitrión e “cicerone” na súa incursión polo intricado labirinto das institucións comunitarias.  

 Os rexedores galegos visitarán tamén o emblemático hemiciclo parlamentario en Bruxelas e o coñecido como o Hall das Bandeiras onde realizarán unha fotografía oficial de toda a delegación de alcaldes que visitan estas institucións europeas. 

 Dende a Fundación Galicia-Europa tamén houbo poñentes que explicaron as súas experiencias que, segundo o alcalde guardés, poderían perfectamente ser contextualizadas nun entorno similar ao da comarca do Baixo Miño.  

 Desde o gabinete do executivo municipal do concello de A Guarda salientaron que "Antonio Lomba centrará a súa visita en coñecer os principais mecanismos de financiamento da Unión Europea para pequenos e medianos concellos, con atención especial aos programas de emprego e de promoción de políticas sociais. Ademais, o rexedor guardés, prestou especial atención aos Fondos Europeos para os Programas de Pesca e os Fondos Europeos para o Programa Operativo de Cooperación Transfronteriza (POPTEC)".  

 A Unión Europea ofrece un amplo panorama de fondos de financiamento dirixidos, entre outros, a que os gobernos locais poidan impulsar o seu desenvolvemento social, económico e ambiental. No contexto do novo Marco Financeiro Europeo 2014-2020, e tras as eleccións municipais do pasado maio, as institucións europeas consideran relevante impulsar a participación das entidades locais galegas nas iniciativas que se desenvolven a nivel comunitario.  

 Por medio desta xornada, búscase capacitar aos alcaldes de Galicia sobre os diferentes programas de financiamento europeo que poden resultar de interese para a administración local. De maneira tal que, durante os próximos catro anos de goberno, os gobernos locais dispoñan das ferramentas necesarias para elaborar programas de desenvolvemento local de carácter europeo.   
 Favorecer a participación das entidades locais de Galicia nas convocatorias dos programas de financiamento europeo contará, entre os seus obxectivos primordiais, facer o mellor uso posible de todas as oportunidades que ofrecen os fondos comunitarios para a mellora do emprego na nosa rexión.   

 Xunto coa formación prevista, os representantes dos concellos coñecerán de primeira man o funcionamento das institucións europeas e o seu proceso de toma de decisións, con visitas de traballo ao Parlamento Europeo e á Comisión, profundizando así o seu coñecemento xeral da contorna comunitaria.

Ningún comentario:

Publicar un comentario