FEAFES Galicia celebra as VII Xornadas de Saúde Mental e Emprego
• O encontro, no que se estima unha participación de arredor de 120 persoas, terá lugar o vindeiro xoves 26 de novembro no Museo Verbum de Vigo.
• Expertos de toda Galicia e doutros lugares de España intercambiarán experiencias sobre a inserción laboral de persoas con enfermidade mental dende un enfoque inclusivo e rehabilitador.
Enrique Castro Sanjurjo / Vigo
O vindeiro xoves 26 de novembro, FEAFES Galicia celebra as VII Xornadas de Saúde Mental e Emprego baixo o lema “Definindo modelos cara a inclusión laboral”. Neste encontro, expertos de Galicia e doutros lugares de España intercambiarán experiencias sobre a inserción laboral de persoas con enfermidade mental.
En Galicia hai máis de 41.500 persoas con certificado de discapacidade por enfermidade mental, de entre as cales, menos do 5% teñen un emprego estable. Por ese motivo, traballar pola inserción laboral deste colectivo é un labor fundamental que FEAFES Galicia quere transmitir a toda a sociedade.
Estas xornadas poñen o acento sobre a importancia do emprego no desenvolvemento persoal de calquera individuo e, á vez, as dificultades ou retos engadidos cos que se atopan as persoas con enfermidade mental á hora de conseguir un traballo. As ponencias non só tratarán de expor a actualidade e as dificultades que existen neste eido senón que presentarán tamén posibles camiños ou obxectivos de futuro.
As VII Xornadas de Saúde Mental e Emprego celebraranse no Museo Verbum de Vigo (Avda. de Samil nº 17) e contarán con diversas ponencias e mesas redondas que terán lugar dende as 09:00 da mañá ata as 18:30 da tarde. A participación no encontro canalízase a través dunha inscrición gratuíta, e está dirixido tanto a persoas con enfermidade mental como ás súas familias, profesionais e estudantes relacionados coa saúde mental, o mundo empresarial e a sociedade en xeral.
A apertura deste encontro correrá da man do Presidente de FEAFES Galicia, Xosé Ramón Girón, que estará acompañado por representantes do Concello de Vigo, a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e Janssen.
Entre os temas que se abordarán, falarase do tratamento asertivo comunitario, a importancia da atención integral e a coordinación entre recursos. Explicarase tamén o traballo dun Centro Ocupacional, do mesmo xeito que se presentarán iniciativas empresariais innovadoras e experiencias de éxito en proxectos de integración laboral do colectivo. Contaremos tamén con testemuñas en primeira persoa de traballadores con enfermidade mental e de empresarios socialmente comprometidos, ademais de intervencións de múltiples profesionais de diversos ámbitos da saúde mental.
Un dos obxectivos fundamentais das Xornadas de Saúde Mental e Emprego é difundir boas prácticas e sensibilizar acerca da enfermidade mental, así como xerar un foro de difusión e debate social sobre as dificultades da saúde mental e a súa vinculación co emprego. FEAFES Galicia aposta firmemente pola integración laboral das persoas con enfermidade mental como un elemento normalizador, defendendo e demostrando a valía deste colectivo e as súas capacidades para integrarse plenamente na sociedade.
FEAFES Galicia, a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995. A súa misión é representar os dereitos e necesidades do movemento asociativo das persoas con enfermidade mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a adopción de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas que sofren problemas de saúde mental e a dos seus familiares.
O ámbito de actuación de FEAFES Galicia abrangue todo o territorio autonómico. Actualmente agrupa a 14 asociacións repartidas por toda a comunidade galega, posúe centros e servizos en 30 localidades e conta cun total de 6.200 socios.

Ningún comentario:
Publicar un comentario