A Xunta de Galicia promove a diversificación do traballo das redeiras da Guarda con iniciativas de formación
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo, visitaron hoxe o curso que está a impartir a artesá especializada en bixutería Alicia González
Economía, Emprego e Industria e a Consellería do Mar colaboran no desenvolvemento de actividades centradas en deseño e complementos de moda, técnicas de enfiado, e fotografía que teñen lugar tamén en Corme
Estánse a celebrar seis cursos organizados pola Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño tanto na Asociación de redeiras Atalaia, de A Guarda, como en Corme
Infogauda / A Guarda
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo, visitaron hoxe na Guarda o curso de formación para redeiras que está a impartir a artesá especializada en bixutería Alicia González. A iniciativa forma parte das novas actividades formativas impulsadas en colaboración pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Consellería do Mar coas que se sigue afondando na promoción da diversificación profesional das redeiras artesás de Galicia.
Con este obxectivo, estanse a celebrar seis cursos organizados pola Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño tanto na Asociación de redeiras Atalaia da Guarda como en Corme. As accións formativas céntranse no deseño de produtos específicos e na mellora da elaboración de complementos e presentación dos productos co obxectivo de mellorar a comercialización dos produtos elaborados polas redeiras artesas de Galicia.
Sol Vázquez Abeal e Susana Rodríguez Carballo, presenciando á labor das mulleres que participan no curso de "Técnicas de enfiado para redeiras"
Onte e hoxe celébrase na Guarda o curso de “Técnicas de enfiado para redeiras”, que xa se celebrou a semana pasada na Asociación de redeiras Illa da Estrela na localidade de Corme. O obxectivo deste curso é a mellora da calidade, o aprendizaxe de novas técnicas e a elaboración de novos produtos de bixutería.
O fotógrafo alemán residente en Lugo, Peter Schneider, impartirá o curso “Fotografía aplicada á artesanía” en Corme os días 12 e 13 de decembro, e a continuación na Guarda os días 18 e 19. Búscase nesta actividade a adquisición de coñecementos e técnica que permitan realizar fotografías de calidade das pezas que elaboran as redeiras e a súa posta en valor a través de publicacións en webs e redes sociais ou comercio online.
A deseñadora galega Montserrat Álvarez, directora do estudio de deseño de Ronan y Erwan Bouroullec de París, impartirá entre o 3 e o 30 de decembro na Guarda o curso “Deseño e produción de novos produtos de bixutería para redeiras” onde a través das técnicas e das súas posibilidades de traballo elaborarán unha nova liña de bixutería con novos materiais e que permitirán ampliar o mercado das profesionais deste sector da artesanía galega.
Na localidade coruñesa de Corme, a deseñadora de moda Rosalía Castro, impartirá o curso “Deseño e produción de novos complementos de moda para redeiras” co fin de achegarlles novas técnicas que potencien novos produtos de complementos vinculados ás tendencias e a moda actual.
A formación e á colaboración entre artesanía e outras áreas de traballo forma parte da estratexia da Consellería de Economía, Emprego e Industria para promover o talento do sector artesanal galego e consolidar un sector competitivo e transversal, un dos grandes retos do Plan de Artesanía de Galicia 2014-2016.
Ningún comentario:
Publicar un comentario