21 de set. de 2015

MULLER

20 mulleres do Programa Incorpora Galicia capacítanse para inserirse no mundo laboral
A través do Punto de Formación Incorpora, impulsado por Obra Social “la Caixa”, 20 mulleres con dificultade de acceso ao emprego están a formarse como camareiras de pisos.




Ana Escrigas Rodríguez / Santiago

Dende setembro ata decembro de 2015, un total de 20 mulleres con dificultades de acceso ao emprego e atendidas polo Programa Incorpora, están a recibir formación específica para capacitarse como camareiras de piso e aumentar así as súas posibilidades de inserción laboral.
Trátase de mulleres en risco de exclusión social pertencentes a diversas entidades sociais galegas. Entre as participantes nesta acción formativa hai mulleres vítimas de violencia de xénero, paradas de longa duración, nais de familias monoparentais e mulleres con discapacidade física, sensorial, intelectual ou por enfermidade mental.
O curso está xestionado por FEAFES Galicia e desenvolverase en Santiago de Compostela entre o 21 de setembro e o 17 de decembro do 2015. O seu obxectivo é capacitar ás alumnas para desempeñar as tarefas profesionais propias do ámbito do aloxamento en hostalaría e en turismo.
Ao longo destes tres meses, as alumnas aprenderán a desempeñar funcións tales como realizar a limpeza e a posta en punto de distintas áreas dos hoteis, así como lavar, planchar e arranxar a roupa do establecemento e dos seus clientes, tendo sempre en conta as normas de seguridade e hixiene establecidas no sector.
Ademais deste curso de camareira de pisos, dentro das accións formativas levadas a cabo no marco do Programa Incorpora realizáronse ao longo deste ano outros dous cursos na provincia da Coruña: experto en limpeza de inmobles e operario de almacén.
Punto de Formación Incorpora
A través deste proxecto, a Obra Social "la Caixa" ten como finalidade a integración sociolaboral das persoas que son atendidas polo Programa Incorpora, buscando a súa capacitación para que estean máis preparadas á hora de inserirse no mundo laboral. Para iso, realízanse Puntos de Formación que pretenden mellorar a empregabilidade daquelas persoas que se atopan en risco de exclusión social e que non poden acceder a outras accións formativas.
Trátase dunha formación de calidade que non inclúe só os contidos técnicos, senón que tamén forma á persoa dende un punto de vista integral proporcionándolle as ferramentas necesarias para superar outros obstáculos que poidan afectar á súa empregabilidade.
Deste modo, os Puntos de Formación Incorpora traballan sobre catro eixes básicos: encaixar a formación á demanda empresarial, empoderar ao usuario, facilitar prácticas non laborais en empresas ordinarias e traballar en rede con outras entidades. 
FEAFES Galicia, a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995. A súa misión é representar os dereitos e necesidades do movemento asociativo das persoas con enfermidade mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a adopción de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas que sofren problemas de saúde mental e a dos seus familiares.
O ámbito de actuación de FEAFES Galicia abrangue todo o territorio autonómico. Actualmente agrupa a 14 asociacións repartidas por toda a comunidade galega e 4 delegacións nas 4 provincias, posúe centros e servizos en 30 localidades e conta cun total de 6.200 socios.

Ningún comentario:

Publicar un comentario