29 de ago. de 2015

A GUARDA

O ALCALDE DE A GUARDA REUNIUSE COA EMPRESA ATSA

A urbanización da rúa Concepción Arenal e o transporte metropolitano foron algúns dos temas tratados

De esquerda a dereita: Miguel Ángel Español Otero (1º Tenente de Alcalde), Ramón Fernández (apoderado de ATSA), Gustavo Pou Saracho (director de ATSA), Antonio Lomba Baz (Alcalde de A Guarda) e Paulino Rodríguez González (Concelleiro de Servizos, Tráfico e Medio Ambiente) - Foto: C.A.G.


Infogauda / A Guarda

 O Alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, e outros membros do equipo de goberno, mantiveron unha reunión cos responsables da Empresa ATSA para tratar distintos temas de interese para para os usuarios do servizo de transporte por autobús. No encontro falaron do transporte metropolitano, do aumento das paradas en Vigo para os autobuses que fan a ruta por Baiona, do transporte ao novo Hospital Álvaro Cunqueiro, e por último, da modificación da actual parada na Praza de Avelino Vicente, cando se execute a urbanización da Rúa Concepción Arenal.

 Respecto ao transporte metropolitano coincidiron en facer xestións diante da Xunta de Galicia orientadas a conseguir que A Guarda e os demais concellos do Baixo Miño foran incluídos neste servizo. O principal argumento que barallaron para solicitar a súa inclusión neste plan de transporte é que, os usuarios de autobús de A Guarda, que teñen Vigo como destino principal, aínda encima de ter o billete máis caro que outras vilas máis próximas a cidade, non o teñen subvencionado.

 O segundo tema que abordaron foi o da adaptación das paradas en Vigo dos autobuses que fan a ruta por Baiona. Para elo estase a negociar co concello de Vigo unha parada cerca de Povisa e outra nas inmediacións da Praza de España, mantendo sempre a da Avenida da Florida.

 A continuación o Alcalde interesouse polo transporte que ofrece a empresa ao Hospital Álvaro Cunqueiro. Neste sentido, Gustavo Pou Saracho, director de ATSA, comentou que os servizos que estaban a prestar son os que teñen acordados coa Xunta de Galicia que, a partir do día 1 de setembro, serán de 4 liñas pola mañá e 2 pola tarde. Comentou tamén que estaban abertos a propoñer ou asumir melloras no transporte ao Álvaro Cunqueiro sempre que foran razoables. Na actualidade o transporte ao novo hospital pasa sempre pola estación de autobuses. De momento non contemplan o transporte directo xa que teñen que seguir levando viaxeiros ao Meixoeiro o que non lles permite cambiar a ruta.

 A última cuestión que se suscitou por parte do Alcalde foi a necesidade de modificar a actual parada dos autobuses na praza de Avelino Vicente. A futura urbanización de Concepción Arenal incluirá tamén a desta praza, o que pode imposibilitar a viabilidade da actual parada. Despois de contemplar distintas posibilidades, empresa e concello, quedaron emprazados a outra reunión na que se concrete a mellor solución para todos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario