2 de mar. de 2015

A GUARDA

TRIBUNA ABERTA

CARTA ABERTA ÓS GRUPOS POLÍTICOS DA GUARDA


 Son Miguel Fernández Lomba, veciño da Guarda con DNI número (*). Levo presidindo o Clube A Guarda Hockey Liña dende o mesmo día da súa fundación. Con traballo e esforzo imos conseguindo pequenos logros e esta tempada temos equipos competindo nas tres categorías: masculino, feminino e infantil. 

 Dirixo este escrito a tódolos grupos políticos que concorrerán as próximas eleccións municipais para pór de manifesto a necesidade urxente e prioritaria na nosa vila, dun pavillón polideportivo municipal.  

 Considero que esta carencia do noso pobo merece a atención da clase política para acadar o orzamento imprescindible para a consecución desta infraestructura. 

 Pola parte que me afecta directamente, o hockey liña, represento a un clube con perto de corenta xogadoras/es (a metade nenas/os menores de doce anos)  que adestra case que a diario no pavillón do colexio As Solanas: a pista do pavillón é de cemento pulido, superficie moi abrasiva, o que provoca o rápido deterioro de rodas, patins, sticks e demáis material utilizado en esta disciplina. O deterioro da cuberta da instalación produce goteiras e filtracións co consecuente perigo para os usuarios. O pavillón carece de valla de protección, dotamento imprescindible para a práctica do hockey o que á postre impide ó clube poder competir na vila. Carecemos de algo tan básico coma vestiarios, o que obriga as/os xogadoras/os a cambiarse nos aseos e a marchar para casa sen ducharse. Pese a estas carencias directiva, técnicos, pais e xogadoras/es seguimos traballando coa mesma ilusión que o primeiro día e a espera de que por fin alguén atenda ás nosas demandas. 

 Ate aquí o referente á nosa disciplina, pero iso non é todo xa que outros colectivos non menos importantes padecen as mesmas carencias que nos. 

 Comezarei polo equipo mais laureado do deporte guardés: o Atlético Guardés de Balonman que disputa a División de Honor nacional co equipo feminino. De todos é coñecido o estado do pavillón da Sangriña e de que a pesares de contar con unha moi boa superficie de xogo ten grandes carencias en tódolos demáis equipamentos  (aparcamento, vestiarios, graderío, etc.) paréceme que unha disciplina de tal repercusión e capaz de mover a tantas persoas merece un lugar máis digno e acorde coa categoría que ocupan. 

 Por outra banda compre sinalar o alto número de practicantes de fútbol sala que hai na Guarda, deportistas que adestran esparexidos nos pavillóns dos colexios e que dende fai anos carecen de competición local, competición que existiu dende sempre na vila e que rematou por desaparecer.  

 Así mesmo disciplinas coma o voleibol ou o baloncesto están a agromar na Guarda, atopándose coa triste realidade de non ter dispoñibles infraestructuras óptimas para adestrar ou competir. 

 Como poden comprobar estamos a falar de un grande número de deportistas de tódalas idades que ven coma en outros pobos e vilas dos arredores sí se invirte en instalacións que por outra banda son imprescindibles para o crecimento do tan necesario deporte guardés. É por isto que a través de este escrito desexaría que os diferentes grupos políticos candidatos á Alcaldía da Guarda sopesasen estas necesidades para a vindeira lexislatura, xa que considero que agora é o momento de facer algo ó respecto. 

 Sin mais que engadir, un saúdo. 

 Miguel Fernández Lomba
 Presidente de A Guarda Hockey Liña

(*) Nota da Redacción de Infogauda: Non reproducimos o nº de D.N.I., aínda que éste cónstanos.

4 comentarios:

  1. Como representante dun grupo de amigos do fútbol sala que dende hai unha morea de anos usa as citadas instalación de Solanas dúas veces á semana, únome a esta petición do meu compañeiro Miguel, có fin de tentar darlle a máxima repercusión posible a un problema que vimos arrastrando dende fai uns cantos anos, por desgracia, e que é a falta de medios nalgúns casos, saturación doutras instalacións noutros, e, a que nos abrangue agora mesmo aquí, o deficiente estado dun "polideportivo" relativamente novo, pero o cal se atopa a escasos metros do mar, có que isto conleva, este espazo é usado diariamente por colectivos de todas as idades que acuden a practicar o deporte que máis lle gusta e as condicións do mesmo non sempre son as adecuadas, atopándose multitude de veces o chan anegado de auga, terra e demáis materiais os cales se desprenden da cuberta e paredes, con isto quero dicir que non só xogamos ó deporte que nos gusta, senón que moitas veces tamén nos "xogamos" o físico nunha superficie non apta para elo. Ademáis de carecer de vestiarios e medios que garantan unha mínima hixiene despois da práctica do exercicio, polo que, dende aquí, e aproveitando a entrada do meu compañeiro Miguel, quero deixar outra mostra da desconformidade doutro dos colectivos que facemos uso destas instalacións, e coa intención de deixar constancia do problema a tod@ aquel que mostre interese, a gobernantes presentes e futuros, e a todo integrante deste maravilloso pobo para que, polo menos, se pare a pensar un minuto nelo.
    Sen máis, grazas pola atención prestada e agardo que sirva de algo este escrito conxunto.

    JAVIER CARABELOS (Representante de Amigos do Futsal)

    ResponderEliminar
  2. Como usuario dende fai máis de 10 anos das citadas instalacións de Solanas, e na miña condición de representante dun grupo de amigos do fútbol sala do pobo, quero unirme á iniciativa proposta polo meu compañeiro Miguel, expondo os meus motivos e refrendando os seus polos que considero que non dispoñemos das instalacións adecuadas para practicar o deporte que máis nos gusta nas mellores condicións de seguridade e hixiene. Dende fai bastantes anos, o citado pavillón, que non é relativamente vello, conta con deficiencias notables tanto na cuberta coma en paredes, pista, baños e graderío, por non falar da total ausencia de vestiarios para poder cambiarse e ducharse e non ter que ir coa suor para a casa. Nos invernos duros e húmidos, que ultimamente son todos, a pista convértese en grandes charcos de auga, terra e demáis materiais que se desprenden das propias paredes do pavillón, polo que, ademáis de xogar ó deporte que máis nos gusta, tamén nos "xogamos" seriamente o físico có risco que isto conleva. Todas estas deficiencias, unidas a outras fan que ás veces se faga imposible practicar calqueira deporte nestas condicións, e a saturación doutros recintos imposibilita a práctica en algún outro. Asique, dende aquí quero facerme eco deste problema e aproveito a entrada do meu compañeiro para deixar constancia dos problemas ós que nos enfrontamos a diario e refrendar as súas verbas aquí expostas. A ver se a xente deste maravilloso pobo, os seus gobernantes (presentes e futuros), e tod@ aquel que lle importe un mínimo esta Vila toma conciencia e non mira para outro lado cando se trata de mellorar os servicios dos que nos beneficiamos tod@s. Sen máis, agradecer o minuto de atención e dicir que.... A GUARDA SOMOS TOD@S!!!
    Un saúdo!!

    JAVIER CARABELOS (Representante de Amigos do Futsal.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ó final saíu por dupricado pero con distintas verbas, pensei que non o fixera ben, sorry! Así chama o dobre a atención!!

      Eliminar
  3. Grazas pola achega Javi. O camiño e ese: a unión dos implicados!

    ResponderEliminar