3 de mar. de 2015

SANTIAGO DE COMPOSTELA

CULTURA

CARA A ONDE? 
OBSERVANDO A TRANSFORMACIÓN CULTURAL E SOCIAL DESDE A LITERATURA

CENTRO GALEGO DE ARTE CONTEMPORÁNEA
7 marzo / 20 xuño 2015
Horario: de 12:00 a 14:00 h
Auditorio do CGAC
Dirección: Alfredo Conde


Dora García: Ulysses, 1999. Colección CGAC

CGAC / Santiago de Compostela

Os mundos cambian, e ao facelo poden levar por diante as linguas e as culturas que os habitantes deses mundos non dean adaptado ás novas realidades. As causas desa crise adoitan ser diversas e as explicacións poden culpabilizar o inimigo exterior ou buscar tamén a parte de responsabilidade da sociedade e das institucións con que se goberna. Linguas e culturas deben procurar a cada momento o seu lugar nun contexto que está en transformación permanente. A literatura constitúe unha boa atalaia para observar estes procesos. 

Ao longo de catro meses, catro coñecedores a fondo deste tema, procedentes de catro distintas orixes, tratarán a relación existente entre sociedade e cultura nos nosos días. Serán confrontados a tres retrucantes galegos, que precederán ás intervencións do público. 

7 DE MARZO 
Bernardo Atxaga: A cortiza e a áncora 

Fará referencia ás débiles, equivocadas ou inexactas razóns que se esgrimiron a favor ou en contra de escribir nunha lingua minoritaria (a cortiza do asunto); razóns que Atxaga enfronta a outras que tamén se teñen brandido e que a el lle parecen fortes, as “áncoras” a que fai referencia o título da súa intervención. Nado en Asteasu (Guipúscoa, España), o seu verdadeiro nome é Joseba Irazu. A súa carreira foi galardoada con importantes premios internacionais. En 1989 obtivo o Premio Euskadi e mais o Premio Nacional de Narrativa por Obabakoak, a súa novela máis exitosa, coa que tamén foi finalista no xa desaparecido Premio Europa en 1990. Tamén colleitou por diversas novelas o Premio Grinzane Cavour, o Premio Mondello, un dos premios TLS ás mellores obras traducidas ao inglés en 2009, ou a selección do estadounidense Publishers Weekly como unha das mellores obras de ficción de 2012. No ámbito da poesía publicou a súa primeira obra, Etiopia, en 1978, e foi Premio Cesare Pavese en 2003 por Dall altra parte della frontiera, unha versión italiana dalgunhas das súas anteriores obras poéticas. A súa produción foi traducida a 32 idiomas e mais levada ao cinema. En 2006 foi elixido membro de Euskaltzaindia, a Academia da Lingua Vasca.

11 DE ABRIL 
Suso de Toro: Unha obra literaria pide lector, unha literatura pide estado 

Un cadro pide ollos que o miren, a música pide oídos que atendan, pero a literatura pide alguén que vexa o texto, que saiba ler e tamén que coñeza a lingua en que está escrito. Ao entender de Suso de Toro, as linguas precisan espazos sociais, nacionais, para existiren. E tamén a protección dun Estado, sexa un Estado que una a súa existencia á da propia lingua ou non. A lingua e a literatura galegas tiveron un estado que as protexese durante os corenta anos transcorridos desde 1975? Esa é a pregunta que pairará durante a conferencia. Nado en Santiago de Compostela (Galicia, España), é licenciado en Xeografía e Historia, especialidade de Arte Moderna e Contemporánea, pola Universidade de Santiago de Compostela. Compaxina o seu traballo literario coa creación de guións para radio e televisión, con colaboracións en prensa e radio, e coa docencia. Escribe en galego e publicou trinta libros de narrativa, teatro e ensaio. A súa novela Trece badaladas obtivo o Premio Nacional de Narrativa en 2003, e foi levada ao cine. Tamén recibiu o Premio da Crítica de Galicia (1986), o Premio da Crítica Española (1993 e 2000) e o Premio Blanco Amor de novela (1997). A súa obra está traducida a varias linguas e foi obxecto de estudo en diversas universidades europeas. 

23 DE MAIO 
Carme Riera: A literatura morreu, viva o fútbol 

Na medida en que a literatura deixa de ser un feito ligado á cuestión nacional, deixa de considerarse tamén consubstancial á vida do pobo e perde interese. Hoxe consubstanciais á vida dos pobos son os seus equipos de fútbol, aínda que os seus integrantes sexan de orixes diversas, afastadas e foráneas. Nada en Palma de Mallorca (España), é catedrática de Literatura Española na Universidade Autónoma de Barcelona, autora de novelas e contos en lingua catalá e ensaios en catalán e castelán. É académica da Real Academia Española. Tamén é membro de número da Real Academia de Boas Letras de Barcelona. Entre os numerosos premios recibidos destacan o Josep Pla (1994), o Nacional de Narrativa (1995), o Joan Crexells de narrativa (1994), o Lletra d’Or (1995), o Vittorini á mellor novela estranxeira publicada en Italia (2000); o da Crítica Serra d’Or (2001), o Sant Jordi de novela (2003) e o Terenci Moix ao mellor ensaio do ano (2013). Ademais, en 2001 recibiu o Premio Nacional de Cultura concedido pola Generalitat de Cataluña. A súa obra foi traducida ao inglés, alemán, italiano, portugués,francés, ruso, grego, neerlandés, romanés, hebreo, húngaro, turco e eslovaco.

20 DE XUÑO 
Bradley Epps: A que(e)renza do normal: tensións e torceduras da identidade nacional e lingüística 

Bradley Epps reflexionará sobre o estado permeable e precario das Letras, das súas inxerencias e irrupcións, e tamén do ilusorio e inestable de toda norma, de toda natureza (entendida polo menos como única e inmutable). Postulará a estranxeiría como unha condición continxente: non se é estraño ou estranxeiro senón que se está; esa estranxeiría ou estrañeza atravesa toda lingua normalizada, non normalizada e por normalizar. 

Nado en Catawba (Carolina do Norte, Estados Unidos), é catedrático de Literatura Española e director do Departamento de Español e Portugués da Universidade de Cambridge (Reino Unido). Durante máis de dúas décadas exerceu como profesor e catedrático de linguas e literaturas románicas na universidade estadounidense de Harvard, onde dirixiu o programa de estudos sobre muller, xénero e sexualidade. Publicou máis dun cento de artigos, catro libros monográficos, e ten colaborado en publicacións periódicas sobre literatura, cinema, arte, arquitectura, urbanismo e teoría crítica en relación con España, América Latina, Cataluña, Guinea Ecuatorial, Estados Unidos e Francia. Ensinou como profesor convidado en universidades españolas (entre elas a de Santiago de Compostela), e mais outros centros de ensino superior de Alemaña, Francia, Países Baixos, Chile, Cuba, Suecia, Costa Rica ou China. 

RETRUCANTES 

Henrique Alvarellos Licenciado en Filoloxía Hispánica e posgraduado en Comunicación, é editor, escritor e xornalista para medios e para gabinetes de prensa. Desde 2004 dirixe Alvarellos Editora, a empresa que fundara seu pai en 1977. 

Xosé A. López Silva É profesor, latinista e investigador da Universidade de Santiago de Compostela. Tamén exerce os cometidos de tradutor, editor e crítico literario, en concreto para as revistas Grial, Tempos Novos e Vísperas, ademais de en Cierzo, o suplemento cultural dos xornais Diario de Ferrol, El Ideal Gallego e Diario de Arousa. Ademais é columnista habitual do xornal El Correo Gallego. 

Ramón Nicolás É profesor de lingua e literatura galegas, crítico literario, tradutor e ensaísta. Colabora como crítico literario en La Voz de Galicia e desde hai algúns anos mantén o blog de información literaria galega Caderno da Crítica.

 PROGRAMA 

7 de marzo 
Bernardo Atxaga: A cortiza e a áncora 
Retrucantes: Henrique Alvarellos, Xosé A. López Silva e Ramón Nicolás 

11 de abril 
Suso de Toro: Unha obra literaria pide lector, unha literatura pide estado 
Retrucantes: Henrique Alvarellos, Xosé A. López Silva e Ramón Nicolás 

23 de maio 
Carme Riera: A literatura morreu, viva o fútbol 

Retrucantes: Henrique Alvarellos, Xosé A. López Silva e Ramón Nicolás 

20 de xuño 
Bradley Epps: A que(e)renza do normal: tensións e torceduras da identidade nacional e lingüística 
Retrucantes: Henrique Alvarellos, Xosé A. López Silva e Ramón Nicolás 

Horario: de 12:00 a 14:00 h 
Auditorio do CGAC 
Entrada gratuíta até completar as localidades

DESTINATARIOS: Dirixido a todas as persoas interesadas no tema proposto. 
PRAZAS: 250

Coa colaboración da Secretaría Xeral de Medios e a Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario