4 de feb. de 2015

GONDOMAR

As veciñas e veciños de Peitieiros sofren atrasos na reparación das liñas telefónicas   
Por segunda vez en menos de un mes Telefónica tarda máis de cinco días en realizar a reparación das avarías 

Infogauda / Val Miñor

  As veciñas e os veciños de Peitieiros veñen sufrindo neste último mes atrasos inxustificados na reparación das avarías das liñas telefónicas, propiedade da Compañía Movistar.

  Por segunda vez neste período de tempo, esta mesma fin de semana varios veciños e veciñas denunciaron un deterioro do funcionamento das liñas e o cese do servizo entre venres e domingo, segundo as zonas. Así as cousas varias persoas levan até cinco días sen servizo de teléfono e de ADSL, sen que recibisen ningunha explicación ao respecto, se é que pode haber algunha explicación.   

 Ao mediodía de hoxe, mércores 4 de febreiro, e despois de cinco días de avaría, a compañía está a restituír o servizo. 

  Alfredo López, presidente do Centro Cultural e Veciñal de Peitieiros, manifesta que “é inadmisíbel que a veciñanza de Peitieiros teña que soportar estes atrasos nas reparacións. Temos que lembrar que xa a mediados de xaneiro varias veciñas e veciños estiveron tamén cinco ou máis días sen servizo telefónico.” E engade “agardemos que esta sexa a reparación definitiva e que por fin o servizo estea completamente restituído a pleno e correcto funcionamento, pois son numerosas as avarías ou deficiencias nas liñas.”   

 Por outro lado, Alfredo López indica que “o Centro Cultural e Veciñal de Peitieiros vai estudar a posibilidade de promover reclamación contra Telefónica para reclamar a bonificación na factura polos días que as usuarias e usuarios estiveron sen servizo. Ademais animamos a todas e todos os afectados a que realicen reclamacións individuais diante das súas compañías telefónicas.”      

Ningún comentario:

Publicar un comentario