FEAFES Galicia celebra as VI Xornadas de Saúde Mental e Emprego
• O encontro, no que se estima unha participación de arredor de 120 persoas, terá lugar o vindeiro martes 2 de decembro no Museo Verbum de Vigo.
• Expertos de toda Galicia e doutros lugares de España intercambiarán experiencias sobre a inserción laboral de persoas con enfermidade mental dende un enfoque inclusivo e rehabilitador.
Ana Escrigas Rodríguez / Santiago de Compostela
O vindeiro martes 2 de decembro, FEAFES Galicia celebra as VI Xornadas de Saúde Mental e Emprego baixo o lema “Recuperación, emprego e inclusión”. Neste encontro, expertos de Galicia e doutros lugares de España intercambiarán experiencias sobre a inserción laboral de persoas con enfermidade mental.
En Galicia hai máis de 41.500 persoas con certificado de discapacidade por enfermidade mental, de entre as cales, menos do 5% teñen un emprego estable. Por ese motivo, traballar pola inserción laboral deste colectivo é un labor fundamental que FEAFES Galicia quere transmitir a toda a sociedade.
Estas xornadas poñen o acento sobre a importancia do emprego no desenvolvemento persoal de calquera individuo e, á vez, as dificultades ou retos engadidos cos que se atopan as persoas con enfermidade mental á hora de conseguir un traballo. As ponencias non só tratarán de expor a actualidade e as dificultades que existen neste eido senón que presentarán tamén posibles camiños ou obxectivos de futuro.
As VI Xornadas de Saúde Mental e Emprego celebraranse no Museo Verbum de Vigo (Avda. de Samil nº 17) e contarán con diversas ponencias e mesas redondas que terán lugar dende as 09:00 da mañá ata as 18:30 da tarde. A participación no encontro canalízase a través dunha inscrición gratuíta, e está dirixido tanto a persoas con enfermidade mental como ás súas familias, profesionais e estudantes relacionados coa saúde mental, o mundo empresarial e a sociedade en xeral.
A apertura deste encontro correrá da man do Presidente de FEAFES Galicia, Xosé Ramón Girón, que estará acompañado por un representante da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social da Xunta de Galicia, un representante da Deputación de Pontevedra e un representante do Concello de Vigo.
Entre os temas que se abordarán, trataranse cuestións como os recursos sanitarios para a autonomía persoal e o emprego; modelos de emprego con apoio dende as perspectivas e cauces de futuro; novos avances nos recursos da inserción laboral das persoas con enfermidade mental a través do Programa Incorpora Saúde Mental; e o papel do emprego e a familia na recuperación das persoas con enfermidade mental a través dos Centros de Rehabilitación Psicosocial. Contaremos ademais con testemuñas en primeira persoa de traballadores con enfermidade mental e de empresarios, ademais de intervencións de múltiples profesionais de diversos ámbitos da saúde mental.
Un dos obxectivos fundamentais das Xornadas de Saúde Mental e Emprego é difundir boas prácticas e sensibilizar acerca da enfermidade mental, así como xerar un foro de difusión e debate social sobre as dificultades da saúde mental e a súa vinculación co emprego.
FEAFES Galicia aposta firmemente pola integración laboral das persoas con enfermidade mental como un elemento normalizador, defendendo e demostrando a valía deste colectivo e as súas capacidades para integrarse plenamente na sociedade. FEAFES Galicia, a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995. A súa misión é representar os dereitos e necesidades do movemento asociativo das persoas con enfermidade mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a adopción de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas que sofren problemas de saúde mental e a dos seus familiares.
O ámbito de actuación de FEAFES Galicia abrangue todo o territorio autonómico. Actualmente agrupa a 14 asociacións repartidas por toda a comunidade galega, posúe centros e servizos en 30 localidades e conta cun total de 4.700 socios.
Ningún comentario:
Publicar un comentario