15 de out. de 2014

GASTRONOMÍA

MARIDAXE E PRODUTOS GALEGOS

Dous novos obradoiros gastronómicos para os últimos domingos de outubro no Pazo do Faramello




Jéssica Beiroa / Rois (A Coruña)

 O viño segue a dar que falar no Pazo do Faramello. Así, mentres aínda se pode visitar a exposición 'Faladoiro do Viño', a proposta complétase con dous obradoiros gastronómicos, a celebrar o primeiro este domingo día 19 e o segundo o vindeiro día 26. Os cociñeiros que os impartirán son Miguel Rodríguez e Mark Wernik, dous dos máis afamados chefs que temos en Galicia. As entradas xa están dispoñibles a un prezo de 25 euros por cada obradoiro.

 Durante o tempo no que estará dispoñible para visitar o 'Faladoiro do Viño' realizaranse dous obradoiros gastronómicos ligados ao viño e á cervexa artesá galega. Os ditos cursiños estarán impartidos polos chef Miguel Rodríguez Pereira e Mark Wernik os vindeiros domingos 19 e 26 de outubro. Ademais, non só de comidas se falará, xa que este primeiro obradoiro terá como acompañamento aos pinchos que se elaboren diversos viños galegos, se ben, o do vindeiro día 26 terá como protagonista na parte das bebidas á cervexa artesá galega.

Os chefs diseñarán unha serie de pinchos ou tapas axeitados para cada viño. No obradoiro, ademais de ver como preparan os pratos, resolverán todas as nosas dúbidas sobre a maridaxe, darán pistas e claves para aprender a deseñar menús que se adecúen a un viño en concreto e, por suposto, farase unha degustación. En ambos os  dous obradoiros o primordial será sempre o mesmo aspecto, que é a posta en valor do produto galego.

As entradas para poder asistir á celebración de cadanseu obradoiro xa están dispoñibles para a súa venda online.  Ademais, cada billete dará dereito a unha visita guiada ao Pazo do Faramello, prevista para as 11:30 da mañá, seguida por outro percorrido comentado á exposición 'Faladoiro do Viño' ás 12:30 para rematar na celebración do obradoiro xa ás 13 horas.

Grandes profesionais

Estes dous obradoiros estarán impartidos polo chef Miguel Rodríguez Pereira. Orixinario de Tui, Miguel Rodríguez é un dos chefs máis importantes de Galicia, que conta cunha amplísima experiencia laboral. Na actualidade é o chef do Parador de Tui e con anterioridade foi axudante de cociña no 'Restaurante Marcelino Pan y Vino' no Museo de Arte Contemporánea de Vigo, o MARCO, dirixido por Marcelo Tejedor. Foi tamén responsable da cociña do Campo de Golf de Mondariz Balneario e xefe de partida no Hotel Valentín Star de Menorca, entre outros. A este envidiable curriculum sumaráselle o feito de que estará acompañado polo tamén gran chef do Casino La Toja Mark Wernink.

Wernink, un dos maiores expertos de cociña asiática que temos en Galicia, foi o encargado de realizar os catro obradoiros gastronómicos realizados durante a exposición “Asia Magna”, que tanto éxito acadaron.

Nesta ocasión Mark Wernink e Miguel Rodríguez, grandes profesionais que xa se coñecen e teñen traballado conxuntamente en múltiples ocasión, uniranse para realizar estes dous obradoiros onde traballarán con produto cento por cento galego, tanto na parte gastronómica como na enolóxica.

Ningún comentario:

Publicar un comentario