5 de maio de 2014

TUI

O BNG de Tui organiza unha charla informativa sobre o negocio das eléctricas co recibo da luz

O acto será este martes 6 de maio,  na Sala Félix Rodríguez, na traseira da Área  Panorámica 



Infogauda / Tui

 O Bloque Nacionalista Galego organiza unha charla informativa sobre “O negocio das eléctricas coa factura da luz” para explicar a necesidade dunha tarifa propia en Galiza. O acto, aberto ao público, será este martes 6 ás 20:30 na Sala Félix da Área Panorámica en Tui, e intervirán o concelleiro do BNG en Tui  Laureano Alonso, e Carme Adán, Deputada do BNG no Parlamento Galego. 

 Para o BNG, o suposto déficit tarifario non é máis que unha xustificación do Goberno do Estado para incrementarlles, ano tras ano, o prezo da enerxía ás persoas usuarias, que soportan a factura máis cara de Europa en beneficio só das grandes compañías eléctricas españolas. 

 Na charla explicarase tamén que Galiza é excedentaria na produción de electricidade e padece os custos sociais e ambientais coa explotación dos nosos recursos naturais, sen obter ningún beneficio desta condición. Por este motivo, o BNG demanda unha tarifa eléctrica propia, cunha redución do prezo da electricidade, tanto para beneficiar os fogares como as empresas e industrias do país, para poderen manter a súa actividade ante os elevados custes enerxéticos. 

 Con este acto, o BNG de Tui tamén quere reprobar o escurantismo dos recibos da luz, as subas constantes e desproporcionadas do prezo da enerxía, o espolio dos recursos naturais de Galiza e a tributación en Madrid por parte das empresas que se aproveitan dos nosos recursos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario