30 de maio de 2014

TUI

A partir das 15,00 horas haberá exhibicións por parte dos alumnos das 25 escolas de toda a provincia


UNS 1.300 NENOS E NENAS DARANSE CITA EN TUI PARA PARTICIPAR NA CLAUSURA DAS ESCOLAS DE PATINAXE DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA




Uns 1.300 nenos e nenas de entre 5 e 15 anos daranse cita este domingo en Tui para participar na clausura das Escolas Deportivas de Patinaxe que a Deputación de Pontevedra ten en marcha en diferentes concellos da provincia e nas que participan un total de 1.700 rapaces.
O acto estenderase desde as 10,00 horas ata última hora da tarde. Así, de 10,00 a 15,00 horas terá lugar os adestramentos dos diferentes grupos de patinaxe que se formaron ao longo do curso e que, xa pola tarde, realizarán exhibicións, representando as coreografías nas que traballaron nos últimos días de clase cos seus mestres e mestras.



En total, realizaranse 57 exhibicións por parte dos alumnos e alumnas das escolas, ás que se sumarán as que van realizar os clubs profesionais.

A xornada pecharase co desfile de todos os participantes no Pavillón Municipal de Tui e a entrega de diplomas, prevista para as 20,00 horas.


No acto de clausura está previsto que participa a deputada Begoña Estévez, así como o alcalde de Tui e tamén deputado provincial, Moisés Rodríguez. O obxectivo da xornada non é só que os pequenos teñan ocasión de amosar ante un público numeroso o que aprenderon nas clases de Patinaxe, senón que se plantea, sobre todo, como unha xornada de convivencia, na que poder coñecer a outros nenos e nenas cos mesmos intereses de procedentes de todas as comarcas da provincia.

As escolas que participarán nesta xornada son: Tui, Gondomar, Pontevedra, Valga, Lalín, Ribadumia, Campo Lameiro, Vincios, Goian, Cambados, Moraña, Poio, Soutomaior, Barrantes, Agolada, Tomiño, Soutelo de Montes, Tebra, Belesar, O Rosal, Crecente e Forcarei.

Cada unha das escolas realizará entre 1 e 8 exhibicións, en función do número e nivel dos seus alumnos. Así a escola de Tui, con 160 alumnos, é a que conta con máis grupos participantes, e realizará 8 exhibicións.

A patinaxe é unha das modalidades deportivas que maior éxito está tendo dentro das escolas da Deputación, xa que é a terceira en número de alumnos e a primeira se se teñen en conta só as de deporte individual. Só a superan as escolas de balonmán e fútbol.


Este é o segundo ano no que se elixe o concello de Tui para a clausura destas escolas, dado que ata o pasado ano estes actos se desenvolvían na cidade infantil Príncipe Felipe. A elección de Tui obedece, precisamente, ao feito de ser a escola con maior número de alumnos de toda a provincia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario