3 de maio de 2014

TUI

A XI EDICIÓN DA ANDAINATUDENSE: UNHA BOA ALTERNATIVA PARA PASAR O DÍA DAS LETRAS GALEGAS


Unha das camiñadas con máis tradición do Baixo Miño chegará á súa décimo primeira edición o vindeiro 17 de maio. O Club Deportivo Andatui volve poñer en marcha a “Andainatudense Solidaria” cun percorrido de 28 quilómetros que os participantes poderán desfrutar na súa totalidade ou en pequenas etapas.

Sempre coa cidade de Tui e os seus concellos limítrofes coma telón de fondo, o Club Deportivo Andatui propón unha camiñada por novidosos e xa clásicos lugares na celebración deste evento.O casco vello de Tui, a “senda da auga” ata o río Deique, o Castro Alto dos Cubos, o río Tripes, e o sempre omnipresente Monte Aloia, serán algún dos puntos máis destacables na ruta proposta nesta edición.

Tamén nesta XI edición, a Andainatudense mesturará Cultura e Natureza con actividades adicionais que colaboren a enriquecer a experiencia que vivirán tódolos camiñantes: o III concurso de fotografía, a carreira de aros para os máis cativos, e a chourizada e sorteo de agasallos na clausura da xornada.

As persoas interesadas en participar poden apuntarse dende o pasado 21 de abril ata o próximo 12 de maio ás 14.00 h. na páxina web Club Deportivo Andatui, onde atoparán todas as indicacións sobre o procedemento de inscrición.

 INFORMACIÓN ADICIONAL DA RUTA

Tras unha visita polos puntos clave do casco vello de Tui, a parroquia de Rebordáns e o seu regato marcarán o inicio da “Senda da auga” que finalizará na beira do río Deique (afluente do Louro) e que terá coma broche de ouro unha estampa do val do Louriña para albiscar dende A Cañiza ata a Serra de Peneda. A xornada matinal pecharase coa visita á Pedra do Acordo, un lugar simbólico por concentrar nun marco pentagonal tres concellos (Tui, Porriño e Gondomar) e cinco parroquias (Malvas, Pazos de Reis, Rebordáns, Morgadáns e Chenlo).

Tras o almorzo, na capela de San Xiao no monte Aloia, A tarde reanudarase coa visita muralla ciclópea que rodea a cumio e que será o inicio do camiño cara o Castro Alto dos Cubos, poboado castrexo  do século II e situado a 270 metros sobre o nivel do mar.

O último tramo da camiñada estará composto por un percorrido no que os caminantes pasarán polos muíños do Trípes, e o camiño Real de San Telmo cara Baiona(na parroquia de Randufe)  .

INFORMACIÓN DE SERVIZO

Hora de Saída: 09:30h. Dende o centro Interfederado (Recomendase estar ás 09.00 para a recollida de dorsais)
Prezo de inscrición: 12€ (Donativo de 2€ en tódolos casos o colexio San Xerome Emiliani), ademais disponse de Fila O pro mesmo fin. As inscricións poden facerse na web do Club Deportivo Andatui-Regodepedra.
Percorrido total: 28 Km.
  • 14km Dende o río Miño ata o monte Aloia.
  • 14Km Dende o Monte Aloia ata o centro Interfederado.

Hora de xantar: 14:00h. Capela de sa Xiao (Monte Aloia)

Información adicionalwww.andatui.es

Ningún comentario:

Publicar un comentario