30 de maio de 2014

PONTEVEDRA

Onte realizouse o sorteo dos campamentos, nun acto aberto ao que asistiron algúns pais e  nais de solicitantes
A DEPUTACIÓN INFORMARÁ POR SMS AOS 2.500 NENOS E NENAS QUE LOGRARON PRAZA NOS CAMPAMENTOS DE A LANZADA E PRÍNCIPE FELIPE

·  As listas de admitidos poderán consultarse tamén na web da Deputación
A Deputación de Pontevedra acolleu onte o sorteo público das 2.500 prazas que a Administración provincial oferta nos seus campamentos de verán de A Lanzada e Príncipe Felipe. Foi nun acto aberto ao que asistiron a deputada Begoña Estévez e o director do Centro Príncipe Felipe, José Manuel González, así como algunhas nais e pais dos solicitantes de praza.
A partir da tarde de onte mesmo, os pais, nais ou titores dos 2.200 nenos e nenas que participarán nos campamentos de A Lanzada e dos 300 que o farán nos polideportivos de Príncipe Felipe comezaron a recibir un SMS no que se lles informa do resultado do sorteo e se lles comunica un usuario e contrasinal co que poderán acceder á descarga do recibo de pagamento. Así mesmo, na páxina web da Deputación terán as listaxes de admitidos e poderán consultar outros datos como a quenda que lles corresponde, o equipamento que deben levar para participar no campamento ou a organización das actividades.
Ademais dos titulares das prazas, o sorteo estableceu tamén unha lista de espera de 100 membros por cada unha das quendas dos campamentos, de forma que se se produce a renuncia a algunha das prazas, entraría o primeiro desa lista de agarda.
Diversión e convivencia
Os campamentos de A Lanzada están dirixidos a nenos e nenas de entre 8 e 13 anos e organízanse en 11 quendas de 200 nenos e nenas e cunha semana de duración cada unha. Inclúe un amplo programa de actividades, que inclúe xogos e deportes, actividades na praia, teatro, contacontos, actividades artísticas e culturais, entretemento nocturno e accións de sensibilización ambiental, entre outras.
O primeiro grupo de 200 nenos e nenas chegará á Lanzada o 22 de xuño e permanecerá no campamento ata o 28 do mesmo mes. As seguintes quendas serán do 29 de xuño ao 5 de xullo; do 6 ao 12 de xullo; do 13 ao 19, de xullo, do 20 ao 26 de xullo, do 27 de xullo ao 2 de agosto; do 3 ao 9 de agosto; do 10 ao 16 de agosto, do 17 de agosto ao 23 de agosto, do 24 ao 30 de agosto e do 31 de agosto ao 6 de setembro.
Cada unha das prazas terá un custe de 83,60 euros.
Pola súa banda, os campamentos polideportivos de Príncipe Felipe, cun custe de  125 euros por praza, desenvolveranse en 6 quendas de 50 participantes cada unha e van dirixidos a nenos e nenas de 7 e 14 anos.
A primeira quenda será do 7 ao 12 de xullo e a ela seguiranlle outras do 14 ao 19 de xullo; do 21 ao 26 de xullo; do 4 ao 9 de agosto; do 11 ao 16 de agosto, para pechar do 18 ao 23 de agosto.

Neste caso, os beneficiarios disfrutarán de actividades diversas nas instalacións do centro, con obradoiros, deportes en equipo, tiro con arco ou actividades acuáticas, así como saídas ao medio natural e a un parque multiaventura.

Ningún comentario:

Publicar un comentario