A Administración provincial
iniciará agora os pertinentes estudos de viabilidade e o Concello abrirá un
prazo para a busca de terreos
DEPUTACIÓN E CONCELLO DE
PONTEVEDRA ASINAN O PROTOCOLO PARA A CONSTRUCIÓN DUNHA PLANTA DE COMPOSTAXE CO
APOIO DE VECIÑOS, COMUNIDADES DE MONTES E ASOCIACIÓNS ECOLOXISTAS
· Louzán subliñou que ambas as dúas administracións
colaborarán na posta en marcha de campañas de sensibilización para incrementar
a separación no fogar
· Lores destaca que é un proxecto que “nace con bo pé” porque
conta con dúas institucións implicadas e o aval da sociedade
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, e o alcalde de
Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asinaron esta mañá o protocolo de
colaboración co que se inician os trámites para a posta en marcha dunha planta
de compostaxe na provincia, nun acto no que contaron co apoio de asociacións de
veciños, comunidades de montes e entidades ecoloxistas.
No acto de sinatura, no que tamén estiveron presentes os
deputados provinciais e concelleiros de Pontevedra Ana Isabel Vázquez e Cesáreo
Mosquera, Louzán subliñou que se trata dun protocolo que parte “da colaboración
que hai xa máis dun ano iniciamos entre esta institución e os alcaldes da
provincia, co apoio do BNG, para sacar adiante un proxecto intermunicipal que
nos permita unha xestión máis eficaz dos residuos tanto desde o punto de vista
económico como ambiental”.
Nesta liña recalcou que o paso dado hoxe é “un camiño que
non ten volta atrás” e “debe levarnos a que Pontevedra, no prazo de tempo necesario
para a construción e posta en marcha” conte cunha planta de compostaxe que
contribúa “a curto e medio prazo” “á mellora da calidade ambiental” da
provincia.
Implicación social
Pola súa banda, Miguel Anxo Fernández Lores incidiu en
que se trata dun proxecto que “nace con bo pe, porque hai dúas institucións que
se están implicando no tema e tamén porque hai un sector formado por
comunidades de montes, veciños e mesmo asociacións ecoloxistas que hoxe están
aquí” e que demostran que “hai un consenso que é garantía de que poidamos, co
traballo serio e rigoroso dos técnicos, dar un paso adiante na recuperación e reutilización
dos residuos sólidos orgánicos, que é unha das grandes materias pendentes a
nivel de tratamento de residuos en Galicia”.
Na mesma liña se manifestou Rafael Louzán, que recalcou
que este proxecto servirá tamén para evitar os grandes desprazamentos que hai
que facer actualmente para o tratamento dos residuos e que implican un enorme
gasto económico e un considerable prexuízo ambiental.
Coa construción da planta, unha parte importante dos
residuos da provincia “poderase procesar aquí, co que eliminamos ese gasto en
transporte e, sobre todo, facemos unha achega desde o punto de vista ambiental”.
Tanto Louzán como Lores, amosáronse confiados en que,
aínda que a planta dará servizo inicialmente ao concello de Pontevedra e aos máis
de 20 concellos adheridos ao Servizo Provincial de Recollida de Lixo, durante o
proceso de tramitación e construción da planta e incluso unha vez en marcha,
“se sumen máis concellos”, para sacarlle maior proveito.
Campañas de
sensibilización
Tamén incidiron na necesaria conciencia social para facer
viable a planta, dado que tratará residuos que se separen en orixe, polo que é
fundamental a colaboración da sociedade.
Para lograla, Concello e Deputación comprométense tamén a
impulsar campañas de sensibilización que dean a coñecer o proxecto e a
importancia da separación no fogar.
Neste sentido, Louzán amosouse confiado en acadar “esta
sensibilización e implicación cidadá” nun proxecto “que deputación, concello de
Pontevedra e demais municipios da
provincia facemos conxuntamente”.
O proxecto requirirá da implantación dun novo contedor,
que será de cor marrón, e no que os cidadáns deberán depositar os residuos
orgánicos correctamente separados no fogar.
Circunstancias
idóneas
A unión de todas as administracións implicadas vai
permitir contar coa suficiente “masa crítica” como para garantir a viabilidade
da planta, unha viabilidade que Lores e Louzán consideran garantida tamén polas
circunstancias concretas do momento no que nace e que en nada se parecen ás que
se deron cando se impulsaron outros proxectos fallidos.
Neste sentido, ademais do elevado grao de implicación
social e da vontade política de Deputación e Concello de impulsala, a planta
nace co aval de coincidir coa liña de traballo do novo plan de residuos da
Xunta de Galicia, que fai unha aposta firme pola compostaxe, e de ser unha
necesidade para dar resposta ás directivas europeas que establecen que en 2020
haberá que compostar un mínimo do 25% da fracción orgánica dos residuos.
Concretar detalles
Louzán anunciou que agora a Deputación iniciará os
estudos de viabilidade para que a nova instalación naza “con todas as garantías
técnicas, económicas e ambientais”, de forma que se detallen “elementos moi
relevantes como a capacidade ideal da planta, a tecnoloxía necesaria, o
investimento que requirirá…”
Con eses datos na man “estaremos en condicións de dotar a
Pontevedra dun servizo que agora non existe”,
e que axudará a mellorar o tratamento do lixo a adaptarse ás novas
esixencias legais, pero tamén a acadar unha xestión do monte máis sostible, xa
que se colaborará coas comunidades de montes tanto para tratar na planta os
residuos de rozas, limpezas de monte… como para que poidan utilizar o compost
producido na rexeneración do monte.
Terreos
En canto aos terreos, o concello de Pontevedra
comprométese a buscar unha localización idónea para a planta, para o que abrirá
un prazo duns meses para que se poidan presentar ofertas.
Así, Cesáreo Mosquera afirmou que xa dispoñen dalgunhas
propostas, pero que é preciso abrir un prazo e despois valoralas todas en
detalle para elixir a mellor ubicación posible.
Ningún comentario:
Publicar un comentario