18 de maio de 2014

PONTEVEDRA

Antes do verán estarán pechados os pregos técnicos para a concesión do Servizo Provincial de Recollida de Lixo

A DEPUTACIÓN ULTIMA O CONCURSO PARA A ADQUISICIÓN DE 1.300 COMPOSTEIROS DOMÉSTICOS
·      Distribuiranse nos 20 concellos adheridos ao servizo
·      Organizaranse cursos de formación e campañas de divulgación
Os veciños e veciñas de 20 concellos da provincia poderán dispor proximamente de algún dos 1.300 composteiros que a Deputación Provincial distribuirá nos municipios adheridos ao Servizo Provincial de Recollida de Lixo.
Nestes momentos, os técnicos da Administración Provincial están pechando os últimos detalles para que se poida sacar a concurso a adquisición destes composteiros, ao tempo que se redactan os pregos para a licitación da concesión do propio Servizo Provincial, que estarán pechados antes do verán.
Concellos adheridos
A Cañiza, A Estrada, Agolada, As Neves, Barro, Cerdedo, Cotobade, Covelo, Dozón, Gondomar, Mondariz, Mondariz-Balneario, Mos, Pazos de Borbén, Ribadumia, Rodeiro, Valga, Vila de Cruces, Salvaterra do Miño e A Lama son os concellos que actualmente se sumaron ao servizo, aos que probablemente se incorpore algún outro proximamente, dado que hai municipios que confirmaron o seu interese en adherirse pero aínda non completaron os trámites.
Todos eles poderán sumarse tamén á planta de compostaxe que Deputación e Concello de Pontevedra tramitan nestes momentos, pero mentres non está en marcha terán xa ocasión de apostar pola reutilización dos residuos orgánicos cos composteiros domésticos.
O obxectivo é que ás medidas de aforro e eficiencia que de por si implica a prestación conxunta do servizo  como son a racionalización de rutas e a optimización de recursos, se sumen outras iniciativas que contribúan a unha mellor xestión dos residuos.
Ademais dos composteiros, que permitirán reducir a cantidade de residuos que se trasladan a Sogama, a Deputación tamén desenvolverá cursos de formación para que os veciños e veciñas que opten pola reutilización da materia orgánica na elaboración de compost poidan coñecer en detalle o uso dos mesmos e sacarlle o máximo partido.
Elaborarase ademais material divulgativo para concienciar e sensibilizar sobre a compostaxe e a mellora da xestión dos residuos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario