A III EDICIÓN DE PORTAMÉRICA PROMOCIONA A MARCA RÍAS BAIXAS CUN “CARTEL DE PRIMEIRO NIVEL” QUE INCLÚE A VETUSTA MORLA, LOVE OF LESBIAN E 2MANYDJS
Ao contido musical e gastronómico súmase este ano a aposta pola formación, cun curso de Creación musical e Music Business
·
Iván Ferreiro prepara un concerto especial para este
festival, a modo de homenaxe a Golpes
Bajos
·
O prezo dos abonos mantense en 45 € máis gastos de
distribución ata esgotar as próximas 2.000 unidades
·
A entrada diaria xa está á venta a 25 €
PortAmérica Rías Baixas. Ese será a partir de agora a
denominación do festival musical que nos dous últimos anos leva congregado a
milleiros de persoas no concello de Nigrán e co que os seus organizadores –a
empresa Esmerarte- pretende “vincular
o certame a un territorio” e contribuír á difusión e consolidación da marca
turística Rías Baixas.
Así o explicou o director de PortAmérica, Joaquín Martínez,
na rolda de prensa de presentación do festival, que tivo lugar na Deputación de
Pontevedra e na que participou a deputada Ana Isabel Vázquez Reboredo, e o
alcalde de Nigrán, Alberto Valverde.
Precisamente, ese papel dinamizador das Rías Baixas foi o
que destacou Vázquez Reboredo, que subliñou que se trata “dun evento que
implica un notable beneficio para a provincia a curto, medio e longo prazo”.
Un beneficio que situou en 4 ámbitos diferentes: no estritamente
cultural, porque do 17 ao 19 de xullo pasarán polos escenarios de PortAmérica artistas
de primeiro nivel tanto de España como doutros puntos de Europa e América; de promoción
turística en Europa e América, porque o festival “é unha fiestra aberta para
amosar ao mundo o mellor das Rías Baixas”; como “trampolín da gastronomía das
Rías Baixas”, xa que o festival inclúe unha área gastronómica con participación
dos mellores chefs galegos e de América; e no ámbito da formación e emprego,
porque inclúe unha bolsa de emprego para que os veciños e veciñas do Val Miñor desempregados
poidan traballar na organización e desenvolvemento do festival e, como
novidade, inclúe un curso de Creación
musical e Music Business en colaboración coa Universidade de Santiago.
Cartel
pechado
O director de PortAmérica anunciou que o cartel musical
está xa pechado coa actuación confirmada de 2ManyDjs, Vetusta Morla, Love of
Lesbian, The Jayhawks, Villanueva, Carlos Méndez e Belöp.
Eles súmanse a un elenco confirmado previamente e entre o
que hai unha destacada presenza de artistas americanos.
No podía faltar tampouco o valmiñorán máis internacional,
Iván Ferreiro, que, a través dun vídeo proxectado na rolda de prensa, anunciu
un concerto creado especialmente para PortAmérica e que, baixo o título Golpes Bajos, rebobine, por favor, ofrecerá un percorrido por
todas as cancións de Golpes Bajos, acompañarado de Pablo Novoa, Luis García,
Amaro Ferreiro e Marta Toro.
Desta forma, o cartel do festival queda coa actuación de
2 ManyDjs (Bélxica), Iván Ferreiro, The Jayhawks (US), Sidonie, Triángulo de
amor bizarro, Vega, Meneo (Guatemala), Villanueva e Carlos Méndez (Panamá), o
xoves 17 de xullo; Vetusta Morla, Andrés Calamaro (Argentina), Calle 13 (Puerto
Rico), Nikki Hill (US), Niños Mutantes, Novedades Carminha, Systema Solar
(Colombia), Kostrok, Mitú (Colombia) e Yall, o venres 18; para rematar o sábado
19 de xullo con Love of Lesbian, Calexico (US), The Sonics (US), Nada Surf (US),
El Columpio Asesino, Najwa Nimri, León Benavente, Natalia Lafourcade (México), Eme
Dj, Full e Belöp.
Abonos e
entradas á venta
Joaquín Martínez confirmou que a organización manterá o
prezo dos abonos para os 3 días en 45 € máis gastos de distribución, ata que se
esgoten as próximas 2.000 unidades. Así mesmo, xa están a venta en Ticketea,
Marca Entradas e Tickemaster, as entradas por día, a 25 euros máis gastos.
Ademais, e como xa ven sendo habitual, PorAmérica ofrece
tamén a posibilidade de que o festival sirva para pasar unhas pequenas
vacacións nas Rías Baixas, para o que se habilitará unha zona de acampada. Por
20 €, os asistentes poderán instalarse durante 5 días en Porto do Molle, coas
súas tendas, furgonetas ou caravanas.
Evento de
transcendencia nacional e internacional
Tanto os organizadores como a Deputación e o Concello de
Nigrán, como entidades patrocinadores, agardan que a edición de 2014 rebase
amplamente o éxito acadado xa en 2012 e 2013, situando a Nigrán e á provincia
de Pontevedra no “no mapa turístico dos eventos culturais a nivel
internacional”, tal e como sinalou o rexedor local Alberto Valverde.
Valverde subliñou que, máis alá da relevancia musical e
cultural propia do certame, PortAmérica xoga un
papel fundamental “na proxección nacional e internacional” e contribúe á
dinamización “turística, económica e social do concello” como o demostra o
feito de que en 2013 máis de 19.000 persoas participasen no festival.
Na mesma liña se manifestou Ana Isabel Vázquez, que
lembrou que aos datos de afluencia súmase “unha cobertura informativa de 80
medios de comunicación de diferentes países, deixou unha ocupación hostaleira
do 100% no Val Miñor e máis de 1.500 persoas aloxadas no cámping do festival e que,
polo tanto, consumiron nos comercios e establecementos da contorna”.
Así, animou a todos a acudir a Nigrán no mes de xullo
porque “isto non é turismo para ver, é turismo para vivir e sentir”

Ningún comentario:
Publicar un comentario