A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA CONVOCA 30 BOLSAS DE PRÁCTICA LABORAL EN
EMPRESAS DO SECTOR TURÍSTICO
Están destinadas titulados universitarios ou de ciclos formativos sen experiencia previa neste ámbito
·
Ofértanse prazas para titulados en Xestión de Eventos, Dirección
de Cociña, Xestión de Aloxamentos Turísticos e Dirección de Servizos de
Restauración, entre outras
·
Os interesados disporán de 8 días naturais para presentar
as súas solicitudes
A Deputación de Pontevedra convoca 30 bolsas de práctica laboral en empresas
do sector turístico, destinadas a mozas e mozos titulados universitarios ou de
ciclos superiores de formación profesional sen experiencia previa.
Así se recolle no Boletín Oficial da Provincia de hoxe, onde se establece
un prazo de 8 días naturais, contados a partir de mañá, para que os interesados
poidan presentar as súas solicitudes.
As bolsas serán de 3 meses de duración prorrogables por outros tres e, en
casos excepcionais, poderán ampliarse ata un ano. A dotación económica será de
800 euros para o caso dos titulados universitarios e de 700 para os de ciclos
superiores.
En todo caso, para poder aspirar a estas bolsas, ademais da titulación
requirida, será necesario estar empadroado nalgún dos concellos da provincia de
Pontevedra, contar cun certificado acreditativo do coñecemento da lingua galega
nivel Celga IV ou Celga III e non ter sido beneficiario anteriormente das
bolsas de práctica laboral da Deputación.
Titulacións
ofertadas
As 30 prazas distribúense en 7 titulacións diferentes.
Así, ofértanse 9 prazas para a diplomatura ou grao en
Turismo ou en Empresas e Actividades Turísticas, que poderán desenvolver as
súas prácticas en empresas de Meaño (2), Sanxenxo (2), Vigo (2), Caldas de Reis
(1), Meis (1), O Grove (1). Outras 6 bolsas van destinadas a titulados de ciclo
superior en axencias de Viaxes e Xestión de Eventos, que poderán traballar en
empresas de Lalín, Ponteareas, Pontevedra, Silleda, Vilagarcía de Arousa ou
Vigo; mentres que outros seis titulados en Dirección de Cociña (ciclo superior)
son demandados para empresas de Pontevedra (2), Caldas de Reis, Marín, Moaña e
Vila de Cruces.
Unha empresa de Agolada acollerá un titulado de ciclo
superior en Dirección de Servizos de restauración, mentres que Sanxenxo será o
destino de quen resulte beneficiario da bolsa para titulados en Organización do
Mantemento da Maquinatia de Buques e Embarcacións.
Así mesmo, ofértanse 5 prazas para ciclo superior en
Xestión de Aloxamentos Turísticos, con destino, 3 deles, en empresas de O
Grove, un en A Estrada e outro en Poio.
Finalmente, unha empresa de Meaño e outra de Vilagarcía
de Arousa recibirán cadanseu bolseiro cunha titulación de ciclo superior en
Guía, Información e Asistencia Turística.

Ningún comentario:
Publicar un comentario