1 de maio de 2014

A GUARDA

JOSÉ DE LA SANTÍSIMA TRINIDAD ARMÁN RECIBIU NESTE 1º DE MAIO, UNHA EMOTIVA HOMENAXE

O acto, organizado polo Movimento Sindical 1º de Maio, tivo lugar na Casa dos Alonso

José de la Santísima Trinidad, acompañado dos fillos e varios familiares e amizades

Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Respondendo á convocatoria do colectivo Movemento Sindical 1º de Maio, o mediodía deste xoves día 1 de maio de 2014, á Casa dos Alonso, na Praza do Reló, de A Guarda, acolleu ás persoas que desde Oia, O Rosal, Tomiño e A Guarda, quixeron asistir á homenaxe que o devandito colectivo, que preside Eloy Gómez Mariño, determinou tributar á José de la Santísima Trinidad Armán.

  O acto comezaría coa actuación de Fran Estévez Estévez e José Manuel González Peniza, que coa súa guitarra e gaita, respectivamente, interpretaron “Danza de astures”.

Fran Estévez Estévez e José Manuel González Peniza, puxeron súa arte musical na homenaxe a Trinidad

 Deseguido interviu Eloy Gómez Mariño, dando en primeiro lugar, á benvida a tódalas persoas que se dignaron asitir, para decir a continuación: “Co motivo do Día Internacional dos Traballadores, o Movimento Sindical 1º de Maio decidiu na súa última reunión e por maioría absoluta, adicarlle nesta data unha homenaxe o Sr. José da Santísima Trinidad Armán, máis coñecido como “Trinidad”.

 Qué é este Movimento Sindical 1º de Maio? Somos unha xente que descontentos coa deriva que tomou o sindicalismo oficial e institucionalizado, pensando máis nas subvencións ou como meter peons nas grandes corporacións ou na banca, e deixando esquecidos os problemas dos traballadores, como se foran traballadores de terceira crase.

   E por iso que un grupo de persoas procedentes de todas ás centrais sindicais e outros independentes, intentamos pór en marcha este movemento pensando no exemplo de xente como Trinidad e outros, que no seu día supuxeron unha mostra de firmeza e honradez no seu posto de traballo, servíndonos como guía para os demáis compañeiros”. 

O poeta Francisco Álvarez - Koki - a esquerda de Eloy Gómez Mariño -  dirixíndose á audiencia

 Rematada á intervención de Eloy Gómez, interviría Ricardo Rodríguez Vicente, a quen o Movimento Sindical 1º de Maio lle convidou para facer unha sembranza de José de la Santísima Trinidad.

 Rodríguez Vicente, dixo entre outras cousas o seguinte: 

      "(...) Cando o Movimento 1º de Maio nos convidou a estar hoxe con todos vos, e nos informou de quen sería o homenaxeado, pensamos no acerto pleno da elección.

 Temos que decir que se trata dunha persoa pola cal, desde que temos memoria, sentimos un aprecio especial.

Desde cando un era un rapaz ata hoxendía. Esa ademiración ten súa orixe no exemplo que tiñamos na casa. Da lección diaria de traballo de miña nai, de meu pai, e de meus avós. E mesmo podería decir, agás contadas excepcións - que sempre as hai -, de toda á veciñanza do entorno de onde procedecemos. Xente humilde, na maioría dos casos, pero traballadora a máis non poder. Por conseguinte, esa foi á primeira ensinanza que adeprendemos cáseque desde o berce.

 Pola nosa orixe modesta, que sabemos o que custa gaña-lo pan de cada día, ademiramos o valor das persoas de extracción humilde, coma nós. De seres humáns que ademais de asumir súa condición de traballadores, desenvolveron súa labor en situacións extremas en moitas ocasions, e que sempre souberon manterse dignos.

Persoas íntegras, as que desde moi noviños, non lles meteu medo o traballo. Non recuaron, como o demostraron o longo da súa traxectoria vital. Desde o traballo no ámeto familiar, sobor de todo no agro, nunha economía de mera e precaria supervivencia, ata o duro lasqueo na cabaqueira, que na meirande parte dos casos, era lonxe do lar familiar.

A esas persoas témoslle estima. Polo seu sacrifizo sen límites. Pola responsabilidade no seu labor. Polo exemplo para os seus paisanos e para aqueles que os acollían nos lugares a onde ían desenvolver á vrañada.

Exercían como galegos por onde queira que ían, mantendo unha conducta exemplar. Eran respectuosos cos veciños dos lugares a onde ían mourear e sempre deixaron ben patente súa profisionalidade. Souberon manter seu vencello coa familia a traverso das follacas que as veces escribían os domingos, obviamente os que sabían ler e escreber, que non todos tiñan esa posibilidade. Souberon cumplir no traballo e adeministrar os lerxes para trae-los para á ciba, onde agardaba á calloa e os carillas, ou os rulos, e cumpliron seus compromisos cos buxas.

Un deses homes polos que sentimos desde sempre ademiración, ainda que con toda probabilidade, ata agora non lla soubemos amosar, como é merecente, é José de la Santísima Trinidad Armán (...)".

José de la Santísima Trinidad Armán - no centro da imaxe - flanqueado por Ana María e José Antonio, seus dous fillos

 Logo de facer unha sembranza biográfica da persoa homenaxeada, Ricardo Rodríguez Vicente dixo tamén: " (...) no perfil humano de José hai outros moitos valores que compre destacar. Entre eles, súa desinteresada colaboura cos investigadores – como por exemplo Xosé Gregorio Ferreiro Fente -, que se teñen ocupado da fala e do duro oficio dos cabaqueiros.  

Asemade, José é autor do libro Moito se podía falar… (As telleiras)”, en edición non venal, pois fíxoo para el e para as súas amizades.

Polo seu interese, recollemos de Portadas, blogue que administra Juan Porta Trinidad, un dos seus netos, a explicación que José de la Santisima Trinidad Armán lle deu a Arturo Portela Álvarez “O Minguillo”, como acraración á consulta que sobre unhas verbas, éste lle había feito. A resposta de José foi á seguinte:
“No noso tempo e nos anos que traballei na telleira con moitos cabaqueiros, ninguén díxome nin escoitei cómo se chamaban nin o día, nin o mes, nin o ano.
Segundo o libro que fixo ese señor de O Rosal, Don Domingo Álvarez, dí: o día, xano; o mes, mancón; e o ano, mancón grandemes.
Nin eu, nin os demais cabaqueiros non entendemos eso. Podría ser que fora propio dos canteiros ou dos afiadores.
Nós, á noite chamábamoslle a fusca, e para defini-lo dia dicíamos: De fusca pariña zalopo. Cando alixe a fusca pariña o melco (De noite fai frío, de día quenta o sol).
Isto é todo o que podo dicirte de estas palabras”.
Ademais temos referenzas que José é un experto no manexo do ordenador onde “pica” os seus escritos, entre eles o Vocabulario Cabaqueiro da súa autoría (...)".
  
Segundo afirmou Rodríguez Vicente, "(...) en relación o devandito Vocabulario Cabaqueiro, o autor recolle máis de 250 verbas diferentes, co seu  correspondente significado, o que supón unha importante achega de unha persoa autodidacta como José, o corpus lexicográfico da lingua galega. Asemade, mesmo fai constar, como se de un epílogo desa recolleita se tratara, unha importante testemuña a xeito de acraración para aquelas persoas que accedan a súa achega do Verbo dos daordes, na que dí textualmente:

“Un pouco abreviado. Isto eran pouco mais ou menos o que naqueles tempos falábamos nas telleiras. Non e que entre nos o faláramos a cotío. -Hai quen así o pensa-. E nada máis lonxe da realidade. Só se falaba cando había paisanos polo medio. Algún “historiador” dos de hoxe pensan que ata lle escribíamos a casa en verbo.”

Ainda que non dí nada que non sexa verdade, esas liñas amosan unha intelixencia crítica, sobor de todo deica os “entendidos” que sen coñeceren de primeira mán o lasqueo na cabaqueira adoitan jalrruar como si fosen verdadeiros daordes. E non e así. Coidamos que nesas liñas as que vimos de referirnos hai como unha cápsula de humor, tan própio da súa persoalidade, que e probablemente unha das craves da súa capacidade de resistencia, a pesares dos innumerables muxos e contratempos os que tivo que facerlles frente o longo da súa vida de traballo arreo.

E para non cansarvos, imos rematar salientando que pola súa bonhomía, súa demostrada capacidade de entendemento cos demais, mesmo se pensan de diferente xeito a el; polo seu interese pola Cultura, diante de persoas como José de la Santísima Trinidad Armán somentes cabe descobrirse e decir:

José: Eres dos nosos!

Tí eres un xamaraina dos xidos!

Viva o 1º de Maio!”

Convidado polo Movimento Sindical 1º de Maio, cuio presidente trasladou a tódolos presentes á adesión do alcalde do Rosal, Jesús María Fernández Portela, que non puido asistir a este acto, por ter contraído con anterioridade seu compromiso de asistir á celebración da festividade de San José Obreiro, en Novás; o escritor e poeta Francisco Álvarez Álvarez – Koki, sería quen tomaría o relevo das intervencións, para salientar tamén seu aprezo persoal á José de la Santísima Trinidad, e salientar que ninguén como Celso Emilio Ferreiro, o poeta nacional de Galicia, reflectiu no seu poema “Monólogo do vello traballador”, á vida dos obreiros, como José “Trinidad”.

Agora tomo o sol pero hasta agora
traballei cincuenta anos sin sosego,
comín o pan suando dia a dia,
suando día a día nun laborar arreo.
Gastei o tempo co xornal do sábados,
pasou a primavera, e o inverno,
dinlle ao patrón na fror do meu esforzo,
e a miña mocedade, nada teño.

O patrón está rico a miña conta.
Eu a súa estou vello.
Ben pensando, o patrón todo me debe. 
Eu non lle debo, eu non lle debo
nin siquera este sol que agora tomo,
mentras o tomo espero.
Ben pensando, o patrón todo me debe.
Eu non lle debo, eu non lle debo
nin siquera este sol que agora tomo,
mentras o tomo espero.
        Rematada á intervención de Álvarez – Koki, e seguindo o guión previsto pola organización da homenaxe, os músicos José Manuel González Peniza e Francisco Estévez Estévez (Fran), entregáronlle uns ramos de frores a José de la Santìsima Trinidad Armán e a súa filla Ana María Trinidad Cadilla.
                       
 Logo de recibir un ramo de flores, José saúda emocionado, ás persoas que lle arrouparon nesta homenaxe cívica

 Despois sería o poeta da Estivada (Salcidos), afincado en New York, quen en nome do Movimento Sindical 1º de Maio lle faría entrega a José de la Santísima Trinidad Armán, de un agasallo – un apupo saído do obradoiro de Cerámicas Sargadelos -, sobre unha peana de madeira, con unha praca, na que pode lerse á seguinte adicatoria:
 MOVIMENTO 1º DE MAIO 2014
A JOSÉ DE LA SANTÍSIMA TRINIDAD ARMÁN
CON ADEMIRACIÓN
POLA TÚA TRAXECTORIA
XIDO XAMARAINA

O poeta Francisco Álvarez - Koki foi o encarregado de entregarlle o agasallo conmemorativo a José de la Stma. Trinidad Armán

 O cantautor Fran Estévez, coa compaña da súa guitarra, interpretaría en galego á composición musical “Los techos de cartón", do venezolano Ali Primera.


“Que triste, óese a choiva
Nos teitos de cartón
Que triste vive a miña xente
Nas casas de cartón.
Vén baixando o obreiro
Case arrastrando os pasos
Polo peso do sufrir.
Mira que é moito o sufrir

Mira que pesa o sufrir.
Arriba, deixa a muller preñada
Abaixo está a cidade
E pérdese na súa maraña
É a súa vida sen mañá (...)”.
  
 Fran Estévez interpretando "Os teitos de cartón", de Ali Primera

 Unha nova actuación de Fran Estévez Estévez (Fran) e José Manuel González Peniza, que interpretaron a dúo (gaita e guitarra acústica) a xota galega “A Chouteira do Lérez”, e que foi correspondida cos aplausos dos asistentes, daría lugar a unha grata sorpresa para José de la Santísima Trinidad Armán, o recibir a traverso dunha chamada telefónica á felicitación do seu amigo o filólogo, editor e escritor, Xosé Gregorio Ferreiro Fente, que colleu o homenaxeado por sorpresa total, e por suposto moi emocionado polo que estaba vivendo neses intres de agarimo deica súa persoa.

José de la Santísima Trinidad Armán atendendo á inesperada e grata chamada de seu amigo Xosé Gregorio Ferreiro Fente


 Unha breve intervención de José Manuel González Peniza, para felicitar a José “Trinidad” e logo outra máis, de Eloy Gómez Mariño para agradecer o Concello de A Guarda por haber cedido á Casa dos Alonso para desenvolver este acto, así como á Bodega Xesteiro, de Fornelos (O Rosal), pola súa achega de viños do Rosal que foron compartidos o remate do acto por tódolos asistentes, e tamén a Flores Toxal, de Salcidos (A Guarda), pola súa aportación de dous ramos e un centro de flores - que posteriormente sería levado o nicho onde xacen os restos mortais de Ángel Pérez Castro "Gelito" -, darían por rematado o acto de homenaxe cívica a José de la Santísima Trinidad Armán, neste 1º de maio de 2014.

Ningún comentario:

Publicar un comentario