A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA APOSTA PORQUE A MARCA RÍAS BAIXAS FUSIONE COSTA E INTERIOR COMO UN DESTINO ÚNICO, DIVERSO E DE CALIDADE
Louzán inaugurou hoxe as xornadas de formación
orientadas aos 28 novos bolseiros que traballarán nas oficinas de turismo
doutros tantos concellos
·
A plataforma online de Smart Destinos é un paso adiante
para posicionar á provincia no mercado turístico moderno, que require de
comunicación directa e bidireccional co cliente
·
As empresas interesadas en sumarse a esta plataforma
teñen xa aberto o prazo de inscrición
A Deputación de Pontevedra quere impulsar Rías Baixas
como marca de calidade turística de toda a provincia, integrando baixo este
reclamo tanto a oferta de costa como a de interior. Trátase de facerlle chegar
aos potenciais visitantes a riqueza das Rías Baixas en toda a súa amplitude, incluíndo
unha oferta moi variada e adaptada a practicamente as necesidades e demandas de
calquera perfil de turista.
Con esa idea traballarán xa os 28 bolseiros que
traballarán nos próximos meses nas oficinas de turismo de Baiona, Cambados,
Cangas, O Grove, A Guarda, Lalín, Nigrán, Sanxenxo, Redondela, Ribadumia, Tui,
Vilagarcía de Arousa, A Illa de Arousa, Bueu, Cuntis, Caldas de Reis, A
Estrada, Gondomar, Marín, Oia, Poio, Pontecaldelas, Soutomaior e Vilanova de
Arousa.
Para facerlle máis doado o seu labor, hoxe comezaron unhas
xornadas de formación nas que obterán as claves necesarias para que, en palabras do
presidente da Deputación, “a marca Rías Baixas sexa vista coma referente
de toda unha provincia”.
O obxectivo destas xornadas de formación, que se
estenderán ata o vindeiro mércores, é proporcionarlles aos bolseiros formación
e criterios básicos para que a información turística da provincia sexa
homoxénea, obxectiva e de calidade así como pautas que deberán seguir nas súas
responsabilidades como informadores turísticos.
Na primeira das charlas
formativas de hoxe, a técnica
de turismo Inés Calvo, incidiu precisamente nese carácter de “destino único e
integrado” que son as Rías Baixas e que
pode ofrecer ao visitante “moito máis que costa”.
Pontevedra conta con
atractivos
abondo para resultar interesante aos máis diversos tipos de turista: para o que
viaxa buscando cultura e patrimonio histórico artístico; para o que busca
natureza e paisaxe; para o que busca descanso e boa comida; para o que prefire
turismo activo…
Todos
estes atractivos poderanos coñecer os novos informadores turísticos durante os
tres días de formación específica que hoxe comezaron e que non só inclúen
charlas informativas, se non tamén visitas a algúns dos puntos de interese
turístico da provincia.
Así,
ademais das explicacións de Inés Calvo, hoxe contaron coa intervención de José
Antonio Fernandez Bouzas, director-conservador do Parque Nacional das Illas
Atlánticas que lles achegou algunha das principais características deste
enclave, así como explicacións sobre a ruta do Viño, da man de Lorena Varela,
técnica da ruta; para rematar cunha visita ao núcleo Histórico Artístico de
Pontevedra e ao Edificio Sarmiento e un relatorio sobre Comunicación co
visitante: normas de cortesía e imaxe profesional. Atención telefónica. Xestión
de queixas e reclamacións, a cargo de Juan José Alonso, MAGNAFOR.
Durante a xornada do mércores 9 desenvolverase o
curso de comunicación e excelencia no trato a clientes con discapacidade, con
Juani Tubío, Coordinadora da Área de Traballo Social de COGAMI, así como os
recursos de cabeceira de Turismo de Galicia e o procedemento de traballo do
Observatorio de Turismo.
O xoves 10 os asistentes terán a oportunidade de
coñecer as oportunidades que ofrece o proxecto Smart Destinos, co que a
Deputación de Pontevedra quere posicionar á
provincia nun mercado turístico moderno, no que a comunicación directa co
cliente e a presenza en rede son fundamentais.
Adhesión de empresas a Smart Destinos
Precisamente,
nestes momentos está aberto o prazo para que as empresas turísticas se sumen ao
proxecto e entren a formar parte da súa plataforma online.
O
obxectivo é que o maior número posible de empresas relacionadas co turismo se integren
nunha plataforma que vai permitir coñecer as necesidades dos posibles clientes
e adaptarse a elas e, ao mesmo tempo, os que buscan un destino para os seus
días de descanso, van poder ter por primeira vez unha visión global, ampla e
detallada do que lle ofrecen as Rías Baixas.
Son
xa máis de 1.000 as empresas do sector que os técnicos da Deputación visitaron
para informalas persoalmente deste proxecto e agora inician unha segunda rolda
de visitas para chegar ás empresas restantes.

Ningún comentario:
Publicar un comentario