ELENA COLMEIRO,
PLAY-DOC, O CONCELLO DE BARRO E AS BANDAS DE MÚSICA DE MEAÑO E LANTAÑO,
GAÑADORAS DOS PREMIOS PROVINCIAIS Á CULTURA
· Dotados con 6.000 euros cada un
. Os galardóns recoñecen o labor de creación e difusión
cultural de artistas e entidades da provincia
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe a concesión dos
Premios Provinciais á Cultura 2013, cos que esta institución quere recoñecer a
aquelas persoas e entidades que cada ano contribúen a enriquecer e fortalecer o
patrimonio cultural e artístico da provincia.
Entre os galardoados nesta edición figura a escultora e
ceramista Elena Colmeiro González, a quen a institución provincial premia toda
unha carreira profesional no mundo da arte, que a levou a ser recoñecida desde
os seus inicios como unha da mellores ceramistas de España. As súas obras teñen
presenza en numerosos museos e coleccións públicas e privadas de España, Europa
e América. Con tal motivo, a Deputación concédelle o premio provincial á
traxectoria cultural.
Como mellor proxecto innovador ou vangardista, os Premios
Provinciais á Cultura recoñecen o labor da Asociación Cultural pola Creación
Artística Enfoques, coa porta en
marcha do Festival Play-Doc, que este
ano cumpre unha década de vida, sendo un referente no mundo do documental
cinamatográfico. Trátase dun proxecto independente que achega ao público un
cine esencial, ao tempo que crea un espazo para o diálogo e o intercambio de
ideas.
Pola súa banda, o Concello de Barro recibe o premio á
protección do patrimonio público polo seu labor de recuperación e posta en
valor do espazo natural do parque da natureza Río Barosa, conseguindo a reparación
dos muíños de auga e o patrimonio etnográfico e artesanal.
Finalmente, o premio Diosiño,
dotado igual que os anteriores con 6.000 euros, recaerá ex aequo na Asociación
Cultural Unión Musical de Meaño,
polo labor musical que leva a cabo desde o ano 1830, o que a converte nunha das
máis antiga de Galicia; e a Banda de Música La
Unión de Lantaño polo seu labor de integración, difusión e desenvolvemento
da música que leva a cabo no Concello de Portas dende o ano 1870.

Ningún comentario:
Publicar un comentario