16 de abr. de 2014

CULTURA

LOUZÁN PRESENTA EN ARXENTINA A OBRA LOS CENTROS DE LA EMIGRACIÓN PONTEVEDRESA EN BUENOS AIRES


Nun acto celebrado no Centro Galicia da capital arxentina


·       O presidente da Deputación e o autor da obra, definiron a publicación como unha “homenaxe de gratitude, recoñecemento e respecto aos emigrantes pontevedreses”
·       Destacaron que as sociedades galegas no exterior son “unha riqueza e un capital social de primeiro orde” e deben ser postos en valor

A historia das sociedades pontevedresas en Bos Aires ten xa a súa publicación. Los centros de la emigración  pontevedresa en Buenos Aires, escrita polo xornalista Martín Fernández, foi presentada na tarde de onte (esta madrugada en Galicia) na capital arxentina, polo autor da obra e o presidente da Deputación, nun acto que se celebrou no Centro Galicia e no que tamén participou o presidente do Centro, Agustín Diz Portabales.
A obra, que responde a un compromiso adquirido por Louzán cos colectivos de emigrantes pontevedreses para escribir a súa historia na Arxentina, recolle o devir de 18 centros que aglutinaron a boa parte da emigración que desde os diferentes concellos de Pontevedra chegaban ao país austral.
Así, a través das actas dos propios centros vaise reconstruíndo a historia e os feitos máis relevantes dos centros de Lalín, Silleda, Agolada, Hijos del Partido de Lalín, Unión del Partido de Lalín, Centro Cultural de A Estrada, Unión de Residentes de Carbia, Hijos del Ayuntamiento de O Grove, Unión Hijos del Grove, Nativos del Ayuntamiento de Cambados, Hogar de Ribadumia, Asociación de Moraña, Residentes de Vigo, Hijos de Mos, Unión del Valle Miñor, Tui-Salceda e Hijos de Arantei y Villamarín Perojano.
Ademais, inclúe numerosas fotos das distintas directivas e de actos sociais celebrados en cada entidade.
Esta publicación complementa, desde unha perspectiva social e da vida interna dos centros, a visión académica e histórica da emigración pontevedresa que se recolle na obra Historia de la emigración pontevedresa en Buenos Aires, elaborada polos profesores Xosé Manuel Núñez Seixas, Pilar Cagiao, Rocío Botana, Pilar Rojo e Xosé Manuel Malheiro.
Unión e coordinación
No acto de presentación, Rafael Louzán destacou o inmenso valor dos centros galegos do exterior e subliñou que as dúas obras que a Deputación editou cumprindo co seu compromiso de recompilar a historia da emigración de Pontevedra á Arxentina, pretenden ser tamén “unha homenaxe de gratitude, recoñecemento e respecto aos miles de pontevedreses que deixaron a súa terra e marcharon á emigración constituíndo uns centros que son o froito do espírito de unidade e solidariedade que sempre caracterizou aos galegos.
Neste sentido, tanto o presidente da Administración provincial como o autor do libro destacaron que estas entidades “son hoxe unha riqueza e un capital social de primeiro orde” que é preciso poñer en valor, axudándolles a modernizarse, a adaptarse aos tempos e a reinventarse.
Así, Martín Fernández subliñou que “ademais de espazos de ocio, lecer e de identidade cultural, os centros de emigrantes hoxe teñen que ofrecer servizos, unirse, coordinarse e, nalgúns casos, fusionarse”, para aproveitar todo o potencial acumulado “e reorientalo aos novos tempos, á Sociedade da Información, a aproveitar sinerxías empresariais, de emprego e riqueza”, converténdose en verdadeira “imaxe de marca” de Galicia no exterior.
“Os centros son a memoria viva da nosa provincia e de Galicia. Pero teñen que ser, ademais, territorios de futuro”, afirmou, porque aínda que “a vida só pode comprenderse mirando cara atrás, só pode vivirse mirando cara adiante”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario