O BNG consegue o saneamento para o barrio de Salgueiró en Camposancos
“Para o BNG este acordo fai xustiza cos veciños e veciñas de Salgueiró que levan anos sufrindo as consecuencias dunhas infraestruturas deficitarias”
A moción presentada polo BNG foi aprobada pola unanimidade do pleno da Guarda
Reunión do BNG coa veciñanza de Salgueiró en Camposancos
Infogauda / A Guarda
O BNG lembra que os veciños e veciñas de Salgueiró en Camposancos levan anos sufrindo as consecuencias dunhas infraestruturas totalmente deficitarias. Como consecuencia do actual estado das rúas, cada vez que chove os diferentes camiños do barrio inúndanse debido a falta ou ausencia de canalización das augas da chuvia.
“Ante a desidia do Alcalde da Guarda, X.M. Freitas, como do Alcalde-pedáneo da Entidade Menor de Camposancos, os veciños e veciñas non pararon até conseguir facerse escoitar. O BNG soamente foi o instrumento para conseguilo”, afirmou Xan Lois Lomba, portavoz municipal do BNG.
A actuación conxunta da veciñanza e o BNG dá os seus resultados
Despois da visita organizada polo BNG cos veciños e veciñas do barrio de Salgueiró, a formación nacionalista presentou unha moción para ser discutida no pleno ante a falta de respostas por parte do alcalde da Guarda.
No pleno de marzo, ante a iniciativa do BNG o grupo de goberno do PSOE véuse na obriga de incluír unha fase das obras no próximo plan de investimentos municipais 2.014 da Deputación.
O BNG vaise manter vixiante e esixe ao Alcalde da Guarda que concrete e poña datas para as seguintes fases até rematar o saneamento de todo o barrio.

Ningún comentario:
Publicar un comentario