O CAAN leva aos nenos de infantil e primaria a
súa campaña de concienciación contra o abandono e maltrato animal
A DEPUTACIÓN RENOVA O CONVENIO CON TRAGSA PARA A XESTIÓN DO SERVIZO
PROVINCIAL DE ACOLLIDA DE ANIMAIS ABANDONADOS
· O centro realizou unha media de 6 intervencións diarias e
atende a uns 500 cans nas súas instalacións de Armenteira
·
Desde a súa posta en marcha, o centro logrou a adopción
de 270 cans, 160 deles desde o inicio das campañas de sensibilización, no
pasado mes de novembro
A Deputación de Pontevedra aprobou, na súa Xunta de
Goberno desta mañá, a
sinatura dun novo convenio para que a empresa Tragsa siga xestionando o
centro de acollida de animais abandonados de Armenteira.
O
presidente da Deputación, Rafael Louzán, subliñou que se trata dun servizo que
está dando “moi bos resultados”, especialmente no que se refire “ao labor de
concienciación social e de garantía de que os animais estean ben atendidos”.
De
feito, esta mesma semana deu inicio a segunda fase da campaña de concienciación
que a Deputación está a levar a cabo para promover as adopcións e sensibilizar
á poboación no respecto aos animais e en contra do abandono e o maltrato.
Esta
segunda fase pon a súa atención nos máis pequenos e consiste en achegar aos
nenos e nenas de entre 3 e 12 anos unidades didácticas que fomenten neles
actitudes responsables e os animen a exercer de mestres de boas prácticas no
seu contorno.
As
primeiras actividades -nas que participan veterinarios do CAAN e membros das
Protectoras de animais Adopcións Galicia, de Pontevedra, e Peludos sen Fogar de Lalín- estanse a
desenvolver no colexio Álvarez Limeses de Pontevedra e nos vindeiros meses
estenderanse aos colexios San Benito de Lérez e Xunqueira II de Pontevedra,
CEIP de Armenteira en Meis e o CEIP Varela Buxan de Lalín, para continuar
ampliando a campaña a toda a provincia.
Solución aos problemas
Louzán
valorou este labor de concienciación e tamén a relevancia que a posta en marcha
do servizo tivo para os concellos, xa que veu a dar solución a un problema moi
serio que debían afrontar e que lle supoñía un elevadísimo custe. De feito, en
moitos casos triplicaba o prezo que agora pagan co servizo provincial.
Neste
sentido, o deputado provincial e alcalde de A Estrada, José Carlos López
Campos, afirmou que o servizo provincial lle permitiu pasar dos 16.000 euros
que pagaba por acordos con empresas privadas aos 5.000 que paga na actualidade.
O mesmo sucede con concellos como A Guarda ou Tomiño, que
antes de entrar en funcionamento o servizo provincial pagaban 12.000 e 16.000
euros/ano por este servizo, e co novo convenio pagarán 4.100 e 5.400 euros
respectivamente, o que lle supón un aforro superior ao 60% e a tranquilidade de
ter atención as 24 horas do día os 365 días do ano.
López
Campos referiu que o problema dos cans abandonados é unha realidade que afecta
moito aos concellos, como o demostra o feito de que no seu municipio “co da
tempada de caza ou na primavera e no verán chegamos a ter 7 ou 8 chamadas
diarias advertindo de cans soltos, que poden ser perigosos e que ninguén se fai
responsable deles” e que se converte “nunha situación imposible de soster,
porque non eramos capaces de facer nin o servizo de recollida, non tiñamos
lacería e tiñamos o problema de que faciamos co propio animal”, polo que
aplaudiu a iniciativa posta en marcha pola Deputación co que “todos eses
problemas quedaron resoltos”.
Acordo plurianual
O
acordo aprobado hoxe pola Xunta de Goberno asinarase para o período 2014 a 2017,
por un prezo anual de 366.000 euros, aínda que no presente ano, ao non ser o
ano completo, o custe será de 286.000 euros.
O custe do servizo pagarase entre concellos e Deputación,
de forma que os 48 municipios adheridos destinarán ao servizo un total de 150.000
euros distribuídos en función da
poboación e a Administración provincial achegará os 216.000 euros restantes.
6 intervencións
diarias e 40 adopcións ao mes
O Centro de Acollida de Animais de Armenteira leva
realizadas nos seus once meses de funcionamento un total de 2.000 intervencións
para atender avisos de animais abandonados, o que significa máis de 6
actuacións diarias.
Ademais, atende diariamente a uns 500 animais nas súas
instalacións, garantindo a súa saúde e benestar e traballando para atoparlle
novas familias nas que integrarse.
A promoción das adopcións é un dos piares da actuación do
centro que xa logrou a adopción de 270 animais, dos cales 160 foron adoptados
nos últimos 4 meses. Isto supón que, desde a posta en marcha das campañas de
sensibilización, a media de adopcións no CAAN é de 40 mensuais.
O obxectivo é seguir mellorando estas cifras e, sobre
todo, previndo condutas irresponsables que rematen no abandono dos animais.
De aí as campañas que agora se están a realizar nos
colexios, con unidades didácticas adaptadas aos diferentes grupos de idade (de
3 a 6 anos; de 6 a 8 anos; de 8 a 10 anos e de 10 a 12 anos) e coas que se
busca implicar aos máis cativos, de forma lúdica e entretida, na tenza
responsable de animais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario