28 de mar. de 2014

PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DESTINA PRETO DE 500.000 EUROS ÁS CONFRARÍAS DE PESCADORES PARA A MELLORA DA PRODUCIÓN E COMERCIALIZACIÓN NO SECTOR


A achega de Administración provincial irá destinada en boa medida á compra de semente e á rexeneración dos bancos marisqueiros

·        Louzán lembrou tamén o apoio que se lle está dando aos pósitos, aos que se lle concedeu unha vintena de bolseiros do Plan de Práctica Laboral
A Deputación de Pontevedra destina 500.000 euros ás confrarías da provincia co obxectivo de contribuír á mellora da produción e da comercialización dos produtos dun sector estratéxico en Galicia como é o pesqueiro e marisqueiro.
Así o acordou esta mañá a Xunta de Goberno, que aprobou a sinatura dun convenio de colaboración mediante o cal a Administración Provincial realizará esta achega á Federación de Confrarías de Pescadores de Pontevedra, que será a encargada de distribuíla entre as diferentes entidades da provincia, segundo o reparto que consensuaron previamente.
A maiores desta achega, Louzán destacou que a Administración Provincial está a colaborar cos pósitos cunha vintena de bolseiros do Plan de Práctica Laboral, que desde o primeiro de xaneiro e ata que remate o ano desenvolverán o seu labor en diferentes confrarías e que supoñen un investimento próximo aos 200.000 euros por parte da Administración, co que a achega total da Deputación ascende a uns 700.000 euros.
O acordo autorizado hoxe e que se asinará nos próximos días responde ao acordo adoptado na xuntanza que no pasado mes de decembro mantivo o propio presidente da Deputación cos representantes de todos os pósitos e na que tamén participou a conselleira do Mar, Rosa Quintana.
Nesa xuntanza, a Deputación comprometera ao sector e os representantes do mesmo acordaran consensuar e detallar as necesidades que precisaban cubrir e que, naquel momento, inicialmente, se concretaban en tres eixes fundamentais: o aumento da produción, a mellora da comercialización e a dotación de persoal cualificado ás confrarías para unha xestión máis eficaz.

O último dos puntos xa se materializou por medio do Plan de Práctica Laboral e nestes momentos dase solución aos outros tres puntos por medio dun convenio que vai orientado fundamentalmente, e atendendo ao acordo acadado polo sector, á adquisición de semente para a rexeneración dos bancos marisqueiros, pero que tamén á aplicación de novas técnicas para a modernización do proceso de produción e comercialización, á adquisición de equipamentos de frío industrial e á a mellora do equipamento técnico e sanitario das lonxas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario