A DEPUTACIÓN DESTINA 600.000 € AO PLAN DE MELLORA DE INFRAESTRUTURAS NO
MEDIO RURAL, QUE SUPORÁ UN INVESTIMENTO DE 5 MILLÓNS DE EUROS
O Pleno aprobou hoxe a correspondente modificación de crédito
· A achega complementará os fondos que achega a UE para
este fin
· Realizaranse sobre todo obras de mellora de viais e
pistas municipais
A Deputación de Pontevedra investirá preto de 600.000
euros no Plan Estratéxico de Mellora de Infraestruturas no Medio Rural (PEIM)
que executa a Xunta de Galicia e que vai permitir un investimento próximo aos 5
millóns de euros nos 62 concellos da provincia.
A achega da Deputación vén a completar o financiamento da
Unión Europea, que é a administración que achega a contía restante, ata
completar os citados 5 millóns de euros.
Os 600.000 euros que achegará a Deputación proceden de
remanente de tesourería e incorpóranse por medio dunha modificación de crédito
que foi aprobada esta mañá no pleno da Deputación.
Este investimento permitirá que se leven a cabo numerosas
obras de mellora en camiños e pistas municipais -que serán as que concentren o
groso do investimento-, así como noutros servizos como poden ser as redes de saneamento
e abastecemento de auga.
Os traballos centraranse en zonas rurais, polo que beneficiarán
de forma especial a comarcas como Deza e Tabeirós-Terra de Montes; O Condado; A
Paradanta, Salnés, Morrazo ou Baixo Miño.
Ningún comentario:
Publicar un comentario