A CIG-Ensino convoca mobilizacións para reclamar a readmisión da/os traballadora/es despedida/os no San Xerome
A CIG-Ensino convoca novas mobilizacións para reclamar a readmisión dos catro traballadores despedidos no San Xerome, hai xa dez meses. O obxecto das mobilizacións é reclamar a readmisión dos traballadores despedidos, que acaban de recibir a sentenza favorábel do Xulgado Social que declara improcedentes os catro despedimentos e condena a empresa a readmitilos ou, en caso de non facelo, a indemnizalos con contías que superan en conxunto os 138.000€.
As mobilizacións convocadas son as seguintes:
Concentración sábado día 1, ás 11:30 h. na Alameda da Guarda.
Concentración luns día 3 ás 9:30 h. na porta do San Xerome.
Asemblea aberta a toda a cidadanía o luns 3, ás 21 horas no Centro Socio-Cultural da Guarda para informar do contido da sentenza e da nova situación.
Para a CIG-Ensino a sentenza avala a denuncia que se fixo por esta central en todo momento: que estábamos ante despidos motivados por causas ideolóxicas e afán represor, pois as persoas despedidas eran as únicas que se podían despedir dos 9 traballadores que permanecen na empresa e que no seu día promoveron unha demanda de conflito colectivo coa CIG para reclamar que se cumprise o convenio, demanda que foi gañada polas traballadoras e traballadores. Hai que sinalar que desde aquela a empresa rescindiu os contratos das persoas que apoiaran esta demanda e agora mesmo se atreveu a alterar as contas da empresa intencionadamente para xustificar o inxustificábel (axuntamos imaxe da sentenza).
Desde a CIG-Ensino manifestamos que só hai unha opción: a readmisión, por xustiza, por dereito, por necesidade do centro, por calidade do servizo para as persoas usuarias e mesmo porque é a opción máis económica para a empresa.
Cómpre considerar que as cantidades que a empresa terá que desembolsar se non readmite as/os despedida/os supera os 138.000 €, pois a esta cantidade hai que lle sumar a liquidación de salarios aínda non percibida polos afectados, unha contía que vai superar os 10.600 €, o que equivale a tres anos de traballo destas catro persoas, mais a Xunta Directiva parece que prefire gastar o diñeiro en despedir.
Desde a CIG-Ensino preguntamos se se vai seguir consentindo que esta Xunta Directiva, desde a súa presidenta ao xerente, todos eles responsábeis das alteracións económicas realizadas, dilapide os fondos da asociación en caprichos e teimosías e en seguir reprimindo os traballadores e traballadoras. Como é posíbel que se usen máis de 24 millóns das antigas pesetas para despedir xente, cando o desexábel é que o centro conte co maior número de profesionais para atender debidamente aos usuarios? De onde van saír eses cartos? O San Xerome recibe subvencións de diñeiro público, acaso estes cartos van ser utilizados? Por outro lado son varias as persoas que traballan moitas máis horas do que se recolle no contrato e do que perciben salarialmente para que a empresa empregue os beneficios en despedimentos. Como se pode atrever o xerente a dicir que xa ten os cartos amortizados? A costa de que ou quen? Porque os traballadores despedidos foron substituídos por outros, contratados para os mesmos postos.
A quen lle sobran os cartos no San Xerome para provocar situacións que rematan no xulgado, como foron estes despedimentos, ou outras demandas que a empresa vén perdendo reiteradamente, por non falar das posíbeis sancións por denegar permisos sindicais, entre outras.
31 de xaneiro de 2014
CIG-Ensino Baixo Miño


Ningún comentario:
Publicar un comentario