9 de xan. de 2014

CULTURA

"Paisaxes na memoria", mostra da pintora pontevedresa Amelia Palacios na Casa de Galicia en Madrid ata finais de mes

O título describe o espírito da exposición, segundo a artista


                          Amelia Palacios diante de unha das súas paisaxes

  Co título de "Paisaxes na memoria", a pintora pontevedresa Amelia Palacios inaugurou hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia unha exposición da súa obra, coa que se abriu a programación cultural deste novo ano na Casa. A mostra, que se exhibe en dúas das salas, poderá verse ata o próximo día 31

Público na inauguración da exposición de Amelia Palacios

  Na inauguración, a artista estivo acompañada polo coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, quen se referiu a ela como "pintora de calidade" que encarna "o paradigma da proxección cultural desta Casa, neste caso no ámbito das exposicións de arte""Refírome ao apoio aos artistas novos, galegos, con vocación e ademais valía, traballadores e rigorosos no que fan; merecedores polo tanto de recibir de nós o impulso de promoción necesario fóra da Comunidade Autónoma, pois este é precisamente un dos nosos fins fundamentais, o de difundir a cultura de Galicia na capital de España", precisou.

Destacou tamén a madureza da obra malia a xuventude da artista, o que considerou que poida deberse a que "Amelia aprendeu dende o momento en que naceu a linguaxe da pintura coa mesma naturalidade que o das palabras", recordando que é filla doutro grande artista, Alex V. Palacios.
Pola súa banda, Palacios explicou que co título da exposición tratou de describir o espírito desta nova mostra súa, na que "reflexiono sobre a transformación da luz, do tempo e da memoria, a través de paisaxes abstractas, tinguiduras de misterio e 'saudade' ".
"É a 'saudade' que sentín ao vivir en Madrid, recordando Galicia. E agora, ao vivir en Galicia, recordando Madrid. Aquí están as paisaxes deses recordos, ou os recordos desas paisaxes. Paisaxes íntimas (interpretadas segundo o estado de ánimo). Paisaxes efémeras e cotiás. Paisaxes eternas, que duraron só un instante", expuxo Palacios.
Desta saudade fala tamén o arquitecto César Portela no seu texto de presentación do catálogo da exposición, describindo esta sensación compartida: "Aínda recordo cando, estudando tamén Arquitectura en Madrid, no mes de maio cando acudía a examinarme á Escola, saía de casa coa preocupación de aprobar e, polo camiño da Escola e ao baixar a costa do Paseo da Ilustración, se me aparecía ao lonxe a Casa de Campo e se me anubraba a vista e sufría espellismos. E entón o bosque de piñeiros mudábase na Ría de Pontevedra sucada por barcos, dos máis diversos tamaños e tipos, que navegaban en todas as direccións e con eles me chegaba unha suposta brisa mariña e un forte olor a salitre que facía que o aprobar pasase a un segundo plano e o que ansiara fose que se rematase o curso canto antes para volver a Galicia e somerxerme no Mar ".
Fonte: Casa de Galicia (Madrid)

Ningún comentario:

Publicar un comentario