As Plataformas de Afectados por Preferentes e Subordinadas de Galicia manifestaranse o sábado 1 de febreiro en Vigo. Reclamarán a devolución de 500 millóns de € a máis de 35.000 estafados
Baixo Miño, 29 de xaneiro de 2014
As Plataformas de Afectados por Preferentes e Subordinadas de Galicia convocan unha MANIFESTACIÓN que terá lugar o vindeiro sábado, 1 de febreiro en Vigo. A manifestación partirá ás 11:00 h. desde o cruce da rúa Aragón coa rúa Urzaiz, e rematará na Porta do Sol.
O 18 de febreiro de 2013 o goberno español presidido por Mariano Rajoy, a través do FROB, fixo que Galiza perdera o control definitivo de NovaGalicaBanco, principal entidade financeira que quedaba en pé e que xestiona o 40% do aforro dos galegos e galegas, entregando a entidade a un pequeno banco venezolano pola irrisoria cantidade de 1.000 millóns de euros a pagar en cómodos prazos de aquí a 2018.
Hai ano e medio, o presidente da Xunta, o Sr. Feijóo afirmaba que se ía buscar unha solución para as preferentes e subordinadas, pero hoxe o problema está sen solucionar porque, lembramos novamente, faltan por devolver 500 millóns a 35.000 persoas. En todo este tempo o Sr. Feijóo nin tan sequera se dignou recibir unha representación das plataformas. Resulta indignante a irresponsabilidade do presidente da Xunta que se declara “tranquilo e satisfeito polo desenlace” da venda do banco.
Agora que a venda-agasallo está consumada, queremos dirixirnos aos actuais donos de NovaGaliciaBanco (o FROB e o Ministerio de Economía), e aos futuros directivos de BANESCO: vostedes compraron un banco, pero tamén compraron un problema: ese problema somos nós, os estafados coas preferentes e subordinadas. SOMOS UN PROBLEMA porque imos seguir loitando, porque a razón está da nosa parte e porque conseguimos grandes vitorias, pero non imos parar até a vitoria final que será a recuperación total de todo o noso diñeiro.
NON PARAREMOS ATA QUE COBREMOS
NON IMOS PARAR ATA OS CARTOS RECUPERAR
NON IMOS PARAR ATA OS CARTOS RECUPERAR
Con estas consignas chegamos aos concellos, ás deputacións, ao parlamento galego, ao parlamento español, á Defensora del Pueblo, ao Valedor do Pobo e á Comisión Europea…
Lamentamos que nestes días o Conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, rexeitara unha entrevista que lle tiñamos solicitada coa escusa de ter a axenda moi ocupada e que o Vicepresidente e Conselleiro de Xustiza, Alfonso Rueda, non se dignara a contestarnos ante a mesma solicitude de reunión. O mesmo que fixo o Sr. Feijóo desde fai ano e medio. E o Ministro de Guindos tampouco tivo a ben recibirnos.
E a día de hoxe aínda non se dignou a contestar o Presidente de Banesco, Sr. Escotet, e non nos fiamos das súas promesas, nin a 90 días, nin a un mes, nin a nada, entre outras cousas porque o control do Consello de Administración de NGB está en mans do FROB e o Ministerio de Economía.
Recordamos que as demandas xudiciais son única vía aberta para os estafados, despois de ser abandonados á súa sorte polas administracións públicas tralo proceso de canxe e quitas obrigatorias e o remate da arbitraxe, e que están a resultar maioritariamente favorabeis aos afectados.
E esiximos tamén a retirada ou arquivo de todas as multas e sancións administrativas aos membros de plataformas na súa loita exemplar pola devolución do 100% dos seus aforros.
Queremos a solución e querémola xa: DEVOLUCIÓN ÍNTEGRA E TOTAL DO NOSOS AFORROS!!!
Gustaríanos que esta fose a última vez que tivésemos que mobilizarnos, pero sospeitamos que non vai ser así. Por tanto, seguiremos, seguiremos e seguiremos e NON PARAREMOS ATA QUE COBREMOS!!!
Desde a Plataforma de Compostela e comarca facemos un chamamento aos distintoscolectivos cidadáns e movementos sociais, sindicatos e partidos políticos que se veñen mobilizando nos últimos meses contra os recortes sociais e de dereitos impulsados polas políticas de “austeridade” dos gobernos do Partido Popular, para que participen na manifestación e apoien as reivindicacións do colectivo de estafados polas entidades financieiras.
Plataforma de afectados por preferentes e subordinadas do Baixo Miño
(R.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario