25 de nov. de 2013

A GUARDA


O BNG na Guarda presenta unha moción co gallo do 25 de novembro, día internacional contra a violencia machista


O Grupo nacionalista considera imprescindible e prioritario actuar contra os recortes na protección das vítimas de violencia de xénero, tanto a nivel municipal como autonómico.

Infogauda / A Guarda

A violencia machista é a manifestación máis terríbel da desigualdade entre homes e mulleres que persiste na nosa sociedade. Unha violencia que conculca dereitos e pon en perigo a vida de moitas mulleres galegas. Dende o BNG lembran que son as administracións públicas as que teñen a obriga de poñer os medios para erradicar a violencia de xénero e protexer as vítimas. 
A pesar dos esforzos realizados nos últimos anos, malia o desenvolvemento lexislativo, estamos a ver como o medre do paro e o desmantelamento dos servizos públicos está empobrecendo de xeito especial ás mulleres e afectando gravemente á nosa vulnerabilidade ante a violencia machista.
O acompañamento das mulleres para accederen aos recursos e nos procesos xudiciais é garantía de seguridade para elas e pode evitar que o medo, a presión, as faga volver co maltratador. O persoal especializado e o voluntariado que realizan estas funcións vese tamén afectado polos recortes das axudas aos concellos e outras entidades.
Para Hortensia García, concelleira do BNG na Guarda, “A dependencia económica é o maior dos obstáculos para as vítimas de violencia de xénero racharen coa relación que pon en perigo as súas vidas. Estamos a vivir recortes en programas e recursos imprescindíbeis para apoiar as mulleres que deciden dar o paso. A crise actual supón un freo para denunciar, pois a outros medos súmase o medo a non atopar emprego e verse sen recursos para sairen adiante, polo que dende o BNG consideramos que o goberno galego debera analizar as necesidades das vítimas de violencia machista, neste preciso momento, e aplicar as leis vixentes con máxima dilixencia.”

No momento en que todas as asociacións de mulleres alertan con diferentes informes que “a crise supón un freo para denunciar, polo temor a non encontrar emprego e verse sen recursos para saíren adiante” sorprende que o goberno galego non analice as necesidades das mulleres que sofren violencia de xénero neste momento concreto e non aplique con dilixencia as leis vixentes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario