O Mosteiro de Oia como nunca antes foi visto
· A Galería de Arte Caminhense acolle ata o 21 de abril unha exposición
fotográfica na que o notable monumento do s. XII parece recobrar toda a súa
grandeza
Ricardo Rodríguez Vicente / Caminha
A exposición ofrécenos a posibilidade de asomármonos a un dos máis esplendorosos capítulos da historia medieval de Galicia, a súa arquitectura eclesiástica, da man dunha das máis notables expresións cistercienses do país e de Europa: o único mosteiro da orde monástica que se sitúa na costa, o Mosteiro de Oia.
Entre o 9 e 21 de abril, na Galeria de Arte Caminhense (Praça Conselheiro Silva Torres), en Caminha. Acollerá un conxunto de fotografías que nos permitirán albiscar, como se de auténticas xanelas do tempo se tratase, o cenobio do século XII en todo o seu esplendor.
A artista, Lorena González, que procede do mundo da pintura, móstranos o Mosteiro de Oia como nunca antes foi visto. Os elementos arquitectónicos e escultóricos do formidable edificio, en que predominan os estilos románico, gótico e barroco, aparecen en toda a súa grandeza. A autora consegue converter cada instantánea nun auténtico chamado á evocación, ao combinar hábilmente eses elementos coas diferentes luces do día, a fermosa paisaxe costeira circundante ou a vexetación.
Sobriedade románica, decadencia gótica e virtuosismo barroco aparecen con toda a súa forza e sorporendente elegancia, nunha exposición que inclúe unhas breves notas históricas sobre un mosteiro cun pasado de cultura e oración, de batallas e “monxes artilleiros”. Un mosteiro no que se produciron algunhas das primeiras páxinas escritas en lingua galego-portuguesa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario