8 de feb. de 2025

O ROSAL

O Concello merca unha parcela estratéxica para a futura dotación sanitaria do Rosal e da comarca  

•  O Concello adquiriu un terreo de 1.600 metros cadrados fronte ao actual centro de saúde por 90.000 euros no que construír novas infraestruturas  


A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, con Carlos Villanueva Domínguez, concelleiro de Cultura, Patrimonio, Sanidade e Transporte, diante da parcela adquirida por Concello do Rosal 
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal 

 O Concello do Rosal quere seguir avanzando cara a unha mellor sanidade pública. O Goberno municipal vén de adquirir unha parcela estratéxica de máis de 1.600 metros cadrados fronte ao actual centro de saúde, por 90.000 euros máis IVE co obxectivo de poñer o terreo a disposición da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e do Sergas para a construción de infraestruturas sanitarias que poidan atender as necesidades da veciñanza rosaleira e mesmo da comarca. 

 A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destacou que esta compra sería un paso decisivo para garantir unha mellora na sanidade pública no Rosal, especialmente tendo en conta que o actual centro de saúde é insuficiente e a ampliación que propuxo a Xunta, ademais de carecer aínda de proxecto, non é viable pola falta de espazo. Non imos estar de brazos cruzados mentres o noso municipio sofre deficiencias sanitarias recoñecidas

 O Concello vén de solicitar unha reunión coa Consellería de Sanidade para informar da adquisición da parcela, dun tamaño equivalente a tres centros de saúde como o actual: valorar as particularidades do centro de saúde e levar a cabo unha modificación urbanística que considere esa zona de equipamentos adaptada ás necesidades. O novo terreo permitiría a construción dun novo centro de saúde equipado e moderno, así como de outro tipo de dotacións sanitarias que se puideran necesitar no municipio e na propia comarca. Ademais, o actual centro de saúde podería destinarse a equipamento suplementario da Escola e do Conservatorio de Música, situados ao seu carón.  

 No encontro de traballo coa Xunta o Concello tamén exporá “a urxencia desta dotación e de tomar medidas para mellorar a situación da sanidade pública no Rosal, que segue a ser preocupante: ademais de carecer dos profesionais sanitarios que nos corresponden, con só tres dos catro médicos cos que debería contar o centro de saúde, seguen ser realizarse substitucións por baixas nin vacacións, entre outras cuestións”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario