O Bloque Nacionalista Galego renova os órganos de dirección no Baixo Miño
• A renovación enmárcase dentro do proceso da Asamblea Nacional celebrada o pasado mes de decembro, no que se reelexiu a Ana Pontón como portavoz nacional
Infogauda / O Baixo Miño
A formación nacionalista elexiu por unanimidade o novo Consello Comarcal, un órgano que será dirixido por Manuel Fernández Cruz, como responsable comarcal, e Beatriz Lomba, como vicerresponsable, e do que forman parte outras 15 persoas máis en representación dos cinco concellos que forman a comarca.
A nova dirección afronta a responsabilidade de loitar polas grandes carencias que sufre o Baixo Miño, un territorio esquecido ano tras ano nos grandes plans de desenvolvemento territorial da Xunta de Galiza ou do Goberno do Estado. A execución do proxecto da AG-42, como eixo vertebrador da comunicación por estrada na comarca; a reivindicación da gratuidade da AP-9 entre Tui e Vigo; o desenvolvemento da comunicación mediante tren de cercanías, aproveitando as infraetructuras existentes ou a sanidade, serán, entre outros, os principais cabalos de batalla do BNG.
Ademáis, a formación nacionalista, que ostenta a alcaldía nos concellos de Tomiño e O Rosal, encara con optimismo a preparación das elecciòns municipais de 2027 coa intención de levar ao Bloque Nacionalista Galego ao goberno dous outros tres concellos do Baixo Miño. “Queremos estender o modelo BNG a Tui, A Guarda e Oia, concellos que están clamando por un cambio de rumbo para a súa xestion municipal”, salienta a nova dirección.
Asímesmo, a nova dirección, escollida por unanimidade das bases militantes, destaca a importante implantación do Bloque Nacionalista Galego na comarca, reflectida nas urnas, por exemplo nas últimas eleccións autonómicas e anima á súa base social de militantes e simpatizantes a defender con ilusión o desenvolvemento do Baixo Miño. “Somos unha comarca con enorme potencial, no centro da Eurorrexión do Eixo Atlántico, bisagra entre dous estados Europeos, un territorio moi rico e desaproveitado. Atenderemos as necesidades da nosa sociedade, que demanda servizos públicos e infraestructuras acordes a unha rexión europea do século XXI”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario