6 de nov. de 2012

MÚSICA

Redondela, referencia do reggae este sábado

                     

Asociación Minho Reggae

Máis de vinte artistas, oito horas de música e estilos que van dende o reggae, o rock steady ao dub, trasladarán á vila dos Viadutos até Xamaica no II Cool Reggae. O festival celebra a súa segunda edición este sábado, 10 de novembro, na Sala Discotasca, a partir das 23.30 horas. A entrada, con dereito a unha consumición, custa dez euros, seis anticipada e para os socios.


Dende Portugal, Francia, Madrid e, por suposto, Galicia, chegarán os músicos que esta fin de semana converterán a Redondela na cita ineludible para amantes dos ritmos xamaicanos e da boa música. A Asociación Cultural Minho Reggae, referente da promoción da música reggae na nosa Comunidade, organiza o II Cool Reggae en
colaboración coa sala redondelá Discotasca.
O festival cumpre a súa segunda edición e permitirá ver, por primeira vez en Galicia, a banda madrileña Goymamba. Roots, reggae con toques hip-hop, groove e potentes guitarras que converten a esta banda nunha proposta completamente novidosa dentro do panorama reggae nacional, non só polo estilo, senón tamén pola calidade e forza das vocais, todas elas mulleres, algo non moi común no mundo do reggae.
A banda, que naceu no verán de 2007, está composta por nove artistas con ampla traxectoria en distintos grupos do ámbito nacional. Teñen dous eps publicados e xa están traballando no seu próximo traballo, que adiantarán o sábado en Redondela. En 2009
presentaban “Give up my song” e dous anos despois “Show me”. Dous discos nos que se reflicte a influencia do reggae xamaicano e inglés da década dos setenta e oitenta, que presentarán, xunto algúns temas novos aínda sen publicar, na mini xira que darán por Pontevedra e que os levará o venres, a Vigo, ao Xancarajazz, o sábado estarán na Discotasca e o domingo, en Bueu, na sala Aturuxo.
Dende Porto chegará Bob Figurante, un dos referentes do reggae en Portugal, leva no mundo da música e como DJ dende os 17 anos. Participou en festivais de todo o mundo, pasando entre outras, por Alemaña, Londres, París, Oslo, España e Portugal, onde leva anos colaborando en distintas radios e televisións así como con artistas lusos como João André e o reggaer Ras Damula. Tamén poderemos ver o espectáculo de Selassie Sound System, que chega de Santiago de Compostela. Da Comarca do Morrazo Skio Selekta, que compartirá escenario con Ali Sutta Gator.
Tamén haberá un oco para os clásicos da música xamaicana da man da Jamaican Sessión, con unha nutrida representación do reggae do Sur da provincia de Pontevedra, membros de bandas como Transilvanians, Zamaramandi ou Meninos Carentes. Reggae, ska, rock steady da década dos sesenta e setenta. Temas de Jimmy Cliff,
Eric Morris, The Skatalites, Arthur “Duke” Reid o Don Drummond comporán o repertorio dun concerto que estará dirixido por Antonio Rodríguez, trombón de Transilvanians.
Unha noite única de reggae que nos ofrece a Asociación Cultural Minho Reggae tan só dous meses despois de conseguir levar a mil persoas ao Auditorio de Vila Nova de Cerveira no II Minho Reggae Splash. Continúan, así, co seu labor para difundir a música e a cultura reggae na provincia de Pontevedra, neste caso en Redondela, o sábado, dez de novembro,
a partir das 23.30 horas, na sala Discotasca, na Avenida Mendiño. O custe da entrada é de dez euros na billeteira e seis anticipada, con dereito a unha consumición. Un prezo do que tamén poderán gozar os socios da Asociación así como os da Discotasca. O billete pódese mercar a través da Internet ou na Cantina Candela (Churruca, Vigo), Bar Ferry (Viños, Vigo), Discos Elepé, no Kaya GrowShop (Vigo) e na Sala Discotasca.

Ningún comentario:

Publicar un comentario