6 de nov. de 2012

A GUARDA


O BNG tilda de impresentábeis as declaracións do Alcalde da Guarda sobre as taxas municipais

               Hortensia García Díaz e Xan Lois Lomba Alonso, concelleiros do Grupo Municipal do BNG no concello de A Guarda

A responsabilidade é de quen goberna, é dicir, do PSOE e do alcalde, X.M. Freitas”

Infogauda / A Guarda
O Bloque Nacionalista Galego considera as declaracións do Alcalde da Guarda X.M. Freitas de impresentábeis cando acusa á oposición de irresponsábel por non aceptar a suba das taxas para o ano 2013.
O pasado luns 5 de novembro o grupo de goberno levou a un pleno extraordinario a suba de taxas municipais como lixo, vados, auga ou sumidoiros. A proposta do goberno do PSOE contou co voto en contra do BNG, non sendo aprobada polo pleno.
O BNG anunciou públicamente que non ía apoiar a suba destas taxas baseándose na actual situación económica que están a padecer a práctica totalidade das familias guardesas.
O BNG considera que o PSOE trata de cargar a crise económica na parte máis débil da sociedade e que sofre con máis dureza as súas consecuencias.
O BNG será sempre sensíbel á iniciativas e medidas do goberno municipal que supoñan un alivio as economías familiares dos guardeses e guardesas.
En momentos excepcionais hai que tomar medidas excepcionais. A conxelación das taxas é algo necesario para o pobo. O goberno municipal debe buscar fórmulas para manter estes servizos, é hora de que se poñan a traballar”, afirmou Xan Lois Lomba, portavoz municipal do BNG.
Dende o BNG somos conscientes de que unha parte da responsabilidade da situación que sofre o concello da Guarda ven das políticas de recortes que está a efectuar o PP tanto na Xunta como na Deputación. Pero existe outra parte de responsabilidade que lle compete ao grupo de goberno do PSOE: orzamentos mal realizados, deixación de funcións, ...
O BNG considera que o alcalde da Guarda intenta desviar a súa responsabilidade como gobernante e pasarlla á oposición. O actual grupo de goberno do PSOE non ten maioría absoluta, algo que esquece con demasiada frecuencia, ante o cal debera extremar á súa precaución á hora de presentar calquera iniciativa política.
O BNG insta, unha vez máis, ao grupo de goberno a que tome conciencia da situación que están a vivir os guardeses e guardesas, busque outras fórmulas para incrementar os ingresos do concello e, o máis importate, realice uns orzamentos axeitados a este momento de crise económica que aseguren a viabilidade dos servizos públicos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario