30 de xul. de 2012

SORT


OS TEIXUGOS NO “CAMPEONATO DE ESPAÑA DE JÓVENES PROMESAS” CELEBRADO EN SORT


Informa (texto e fotografías): Rosa Fernández / Sort

Tres Teixugos participaron este sábado na 2ª competición do Campionato de España de Novas Promesas que se celebrou na localidade ilerdense de Sort. 
Brais Castro e Manuel Ochoa participaron nas modalidades K1 e C1 Infantil A Home, e Clara González en K1 e C1 Infantil B Muller. Aínda que non deron conseguido medalla fixeron un moi digno papel, tendo en conta o nivel de vascos e cataláns. 
Clara, a benxamina do grupo conseguiu a 7ª posición en K1 e non deu rematado o circuíto en C1, que só deron feito tres das participantes, xa que a modalidade de canoa (C1), de xeonllos e cunha pa dunha soa folla, apréndese despois da de kaiak (K1) na que van sentados e cunha pa de dúas follas. 
Manuel Ochoa quedou undécimo en C1 e oitavo en K1. Brais Castro foi o que obtivo mellores resultados con dous sétimos postos tanto en C1 coma en K1. 
“Os Teixugos” foi o club galego que obtivo unha mellor clasificación neste campionato.
Na provincia de Lleida atópase un triángulo máxico para o piragüismo de augas bravas, formado polas localidades de Sort, Ponts e a Seu D´Urgell, que contan con cadansúa canle de augas bravas. 
Aproveitando a ocasión un numerosos grupo de teixugos uníronse aos máis pequenos e desprazáronse ata Sort para adestrar, xuntándose alí con outros galegos do Club Tea de Mondariz e cos do Club de Dumbría. Os adestramentos fixéronse nas canles de Ponts e Sort que son gratuítas, non así a da Seu.
Nesa semana estívose celebrando tamén en Ponts 49 Rally Internacional da Noguera Pallaresa, os nosos piragüistas participaron en varios dos seus actos, o xoves participaron no rafting nocturno, o venres pola mañá no Open internacional de slálom por patrullas e pola tarde no vistoso concurso de esquimotaxes. Destacar aquí a participación de Andrea González que pasou a final celebrada o sábado a noite se fixo coa primeira praza do concurso de esquimotaxe, nunha memorable actuación.
A vindeira cita será en Dumbría onde o sábado día 4 de agosto  terá lugar o “IV Campeonato de España de Jóvenes Promesas”

Galería de imaxes

Ningún comentario:

Publicar un comentario