O BNG reafírmase en que a medida do cobro de “entradas de garaxe” na Guarda é indiscriminada e inxusta
Infogauda / A Guarda
O Bloque Nacionalista Galego segue considerando inxusta a aplicación da “Ordenanza de entrada de vehículos”que está realizando o goberno do PSOE.
O BNG solicita que se faga unha modificación de dita ordenanza deixando claro que os “vados permanentes” deberán outorgarse á petición da persoa interesada.
Para o BNG o grupo de goberno debera aclarar ao conxunto da poboación da Guarda a urxencia desta medida, sobre todo despois de 5 anos no goberno municipal. A única urxencia que se lle ocorren ao BNG é a recadatoria. Se o concello da Guarda necesita cartos, aconsellamos ao Alcalde que concentre os seus esforzos en non perder subvencións, cobrar as concesións municipais, en vez de facerlle pagar ao pobo da Guarda a súa mala xestión.
O BNG considera que esta medida vai crear máis problemas de aparcamento, dado que se van eliminar prazas de aparcadoiro ao reservar o espazo para esas entradas de garaxe.
“Dende o BNG recomendamos ao Alcalde e ao PSOE que non gasten esforzos en aclaracións sobre o que di o BNG e os utilicen na realización dun bo plan de tráfico, que si beneficiaría ao conxunto da poboación da Guarda”, afirmou Xan Lois Lomba, portavoz municipal do BNG.
Unha vez máis, o BNG deixa claro que os servizos públicos deben ser pagados e disfrutados por toda a cidadanía, tamén hai que ver que servizo se está a dar por aparte do concello. Ao mesmo tempo, aconsellamos á Concelleira de Facenda que comece por ser exemplo coa “entrada de garaxe con beirarrúa” que ten o Alcalde da Guarda en Camposancos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario