O BNG na Guarda rexistra unha moción demandando o impulso ás políticas de prevención e tratamento da violencia de xénero
Infogauda / A GuardaSegundo os nacionalistas, a violencia de xénero constitúe a máis grave vulneración dos dereitos fundamentais das mulleres. É a manifestación máis clara e brutal da desigualdade aínda existente entre mulleres e homes na nosa sociedade, o cal pon de manifesto que falta moito camiño por andar até rematar completamente coa discriminación das mulleres e acadar unha sociedade igualitaria.
O BNG na Guarda solicita a través de esta moción que se impulse a posta en funcionamento da Lei 11/2007, para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero.
O Parlamento de Galiza, no ano 2007 deu un paso moi importante ao aprobar unha lei específica que trata integralmente todo o referente á violencia de xénero. Non obstante a día de hoxe, e a pesar das diversas peticións do BNG, o goberno do PP na Xunta, non puxo en funcionamento os instrumentos previstos na lei para a protección das vítimas de violencia de xénero. Entre as previsións pendentes de desenvolvemento está a creación do Observatorio Galego da Violencia de Xénero ou a posta en marcha do Centro de Recuperación Integral, sinalan os nacionalistas.
A concelleira do BNG, Hortensia García, engade que non só non se poñen en marcha as políticas destinadas á prevención, se non que estamos asistindo ao desmantelamento das poucas estruturas básicas coas que a administración galega contaba neste ámbito, baste lembrar “a disolución realizada o ano pasado do Servizo Galego de Igualdade”. Así mesmo denuncia a considerábel redución económica das partidas orzamentarias destinadas a sufragar o mantemento das medidas de prevención da violencia de xénero.
É por iso que solicitan que o concello, inste á Xunta de Galiza a que impulse a posta en funcionamento das obrigas impostas pola Lei 11/2007 que están pendentes de desenvolvemento; e a que faga unha planificación para a realización de campañas periódicas de sensibilización contra a violencia de xénero.
Ningún comentario:
Publicar un comentario