28 de mar. de 2011

TUI

O BNG de Tui rexeita o nomeamento de Mario Conde como pregoeiro das Festas de San Telmo no 2011



Bloque Nacionalista Galego / Tui


A Concellería de Cultura do Concello de Tui avala a polémica invitación por parte da Comisión de Festas ao empresario e tertuliano de extrema dereita Mario Conde, pese ao seu historial de condenas por apropiación indebida, falsidade en documento mercantil e estafa.

O BNG en Tui expresa o seu rexeitamento á invitación cursada pola Comisión de Festas e avalada pola Concellería de Cultura ao empresario de orixe tudense Mario Conde. O BNG considera a invitación ao empresario como absolutamente inadecuada. O pregoeiro das festas debe ser un persoeiro que suscite un mínimo de consenso entre a cidadanía e que ao mesmo tempo constitúa un exemplo a seguir e admirar. O empresario Mario Conde non representa de ningunha maneira unha cousa ou a outra e a súa orixe tudense e proxección pública non abondan se non se cumpren estas condicións. Mario Conde non pode representar un exemplo a seguir e admirar, nin moito menos pode ser digno da honra de ser invitado a ler o pregón nas festas máis importantes da localidade. Compre lembrar que a súa etapa de maior notoriedade como empresario, aquela que todos os tudenses podían admirar e da que se poderían gabar pola súa orixe na localidade, culminou con sendas condenas por apropiación indebida e falsidade en documento mercantil no ano 1997. No ano 2001 foi novamente condenado na Audiencia Nacional por delitos de estafa e apropiación indebida. Na actualidade participa como tertuliano nunha pouco coñecida canle de TV de notorias posicións reaccionarias que afortunadamente non representan a opción da maioría dos cidadáns de Tui e que esperamos non representen tampouco as do Concelleiro de Cultura e do Alcalde. O BNG esixe a Comisión de Festas e ao Goberno municipal que rectifiquen e eviten a unha maioría dos tudenses a vergonza de ver a ao Concello de Tui ligado á “exemplar” conduta de tan inmerecido pregoeiro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario