2 de ago. de 2010

GALICIA

XOÁN GATO RELEMBRA SEU DESVENCELLO CON TERRA GALEGA



Tras a miña volta á escena pública nestes últimos meses despois de ter sido elixido presidente da Cámara de Comercio de Ferrol na pasada primavera e tras observar como numerosos medios de comunicación, así como algunhas persoas en actos públicos, se referían a min como “líder” ou “dirixente” de Terra Galega, considero que é preciso esclarecer o seguinte:
1º. Que en marzo de 2009, poucos días despois das eleccións autonómicas, fun expulsado de Terra Galega polos actuais dirixentes desta formación e que desde entón estou completamente desvinculado deste partido, limitándose a miña relación con TEGA á amizade persoal que manteño con algunhas persoas que aínda pertencen a este colectivo.
É por iso que solicito publicamente a todos os medios de comunicación así como aos dirixentes e integrantes de Terra Galega que non volvan a asociar a miña persoa á deste partido e pido ademais a estes últimos que non utilicen o meu nome nos actos públicos desta formación coa que xa nada teño que ver.
2º. Que me entristece enormemente contemplar o enorme deterioro que leva padecendo a formación política que eu fundei neste ultimo ano e medio ata converterse nun partido desvertebrado, sen coordinación e carente dun discurso e ideas propias que ofrecerlle á sociedade, estando completamente desaparecido do mapa político galego e limitando a súa actividade ao traballo que realizan algunhas das súas agrupacións locais en clave estritamente municipal.
Boa proba disto é o feito de que no pasado 25 de Xullo, Dia Nacional de Galicia, desde Terra Galega non houbo nin a máis mínima xuntanza, celebración, encontro… nin tan sequera un comunicado ou declaración para conmemorar tan sinalada data.
3º Que actualmente encóntrome plenamente implicado na presidencia da Cámara de Comercio de Ferrol, un cargo que me motiva e ilusiona tras ter sido apoiado por centos de empresarios e comerciantes de Ferrol, Eume e Ortegal nunha mobilización social sen precedentes na zona.
4º Que malia ser presidente da cámara de comercio ferrolá e non formar parte de TEGA desde hai máis dun ano sempre estiven e estarei comprometido na loita pola defensa dos intereses da nosa terra e que o meu compromiso político con Galicia seguirá intacto, deixando sempre a porta aberta a apoiar iniciativas políticas, socioeconómicas ou culturais que redunden nun maior progreso para todos os galegos e galegas.

Ferrol, a 31 de Xullo de 2010,

Xoán Gato Díaz,
Presidente da Cámara de Comercio de Ferrol

Ningún comentario:

Publicar un comentario