PRESENTADA NA DEPUTACIÓN A TITULACIÓN DE GRAO EN DIRECCIÓN E XESTIÓN PÚBLICA

Infogauda / Ourense
O catedrático de Ciencia Política da Universidade de Vigo, Argimiro Rojo, e o vicedecano da Facultade de Ciencias da Comunicación, Celso Cancela, presentaron hoxe na Deputación de Ourense a titulación de Grao en “Dirección e Xestión Pública”, unha carreira universitaria que se incorpora á oferta académica da Universidade de Vigo.
Trátase dunha titulación única en Galicia, que se imparte no Campus de Pontevedra, e segundo a definiu Argimiro Rojo “é unha titulación para a nova administración pública, que ten como obxectivo formar a profesionais baixo un enfoque multidisciplinar, con materias que abranguen Ciencia Política, Ciencia da Administración, Dereito, Economía, Marketing, Socioloxía, Contabilidade ou Informática”.
Trátase dunha titulación única en Galicia, que se imparte no Campus de Pontevedra, e segundo a definiu Argimiro Rojo “é unha titulación para a nova administración pública, que ten como obxectivo formar a profesionais baixo un enfoque multidisciplinar, con materias que abranguen Ciencia Política, Ciencia da Administración, Dereito, Economía, Marketing, Socioloxía, Contabilidade ou Informática”.
Pola súa banda, o presidente da Deputación, José Luis Baltar, dixo que esta é unha titulación “de gran utilidade para os profesionais que traballan na administración porque abrangue todos os ámbitos, tanto administrativos como políticos, nos que desenvolven a súa actividade, e ademais o feito de poder cursarse en horario de tarde posibilítalle aos funcionarios que o desexen compaxinar a súa labor profesional co estudo universitario”.
O perfil profesional da carreira permite aos titulados traballar como técnico en Administracións Públicas, xestor de organizacións públicas, analista de políticas públicas, analista político, asesor e consultor e axente de desenvolvemento local.
Ata o de agora, esta titulación era unha diplomatura que se viña impartindo na Universidade de Vigo dende hai dez anos, pero coa posta en marcha do “Plan Bolonia” -que propociou a adaptación das licenciaturas a titulacións de grao- a carreira de Dirección e Xestión Pública pasa a ser titulación de Grao, cunha duración de 4 anos, composta de 240 créditos, e para a que se habilitan 40 prazas.
O plano de estudos da carreira contempla a realización de prácticas en institucións, empresas e organizacións públicas, co fin de que os alumnos poidan estar permanentemente conectados co mundo laboral. Ademais existen convenios ERASMUS para a realización de estudos en varias universidades europeas, así como convenios de intercambio con outras universidades españolas e latinoamericanas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario