DÚAS REPORTAXES DA TVG SOBRE MEDIO AMBIENTE GAÑAN O PREMIO DE XORNALISMO “XOSÉ AURELIO CARRACEDO” DA DEPUTACIÓN DE OURENSE
O segundo premio foi para o xornalista Alejandro Mínguez por unha serie de artigos de divulgación micolóxica, publicados en “A Nosa Terra".
No salón de plenos da Deputación provincial de Ourense tivo lugar hoxe, Día Mundial da Liberdade de Prensa, o acto de entrega dos premios de xornalismo “Xosé Aurelio Carracedo”, convocados pola Deputación de Ourense, dotados con 5.000 e 3.000 euros para o primeiro e segundo premio, respectivamente.
No salón de plenos da Deputación provincial de Ourense tivo lugar hoxe, Día Mundial da Liberdade de Prensa, o acto de entrega dos premios de xornalismo “Xosé Aurelio Carracedo”, convocados pola Deputación de Ourense, dotados con 5.000 e 3.000 euros para o primeiro e segundo premio, respectivamente.
Nesta edición de 2010 o gañador foi “Reporteiros”, da TVG. O xurado considerou que debía conceder este galardón a dúas reportaxes realizadas polo programa que dirixe Manuel Maceiras, sobre os parques naturais de Galicia e sobre as bolsas de plástico e a súa desaparición progresiva. Os membros do xurado valoraron de maneira especial a calidade destas dúas reportaxes, a pluralidade de enfoques con que se presentaban os temas a tratar e o seu interese informativo.
O segundo premio deste certame xornalístico, dotado con 3.000 euros, foi para o xornalista ourensán Alejandro Mínguez, por unha ampla colección de artigos publicados no semanario “A Nosa Terra” centrados monograficamente na divulgación micolóxica. Ademais da calidade dos textos, o xurado puxo especialmente de relevo a amplitude informativa do tema tratado, afrontando aspectos científicos, culinarios, prácticos e divulgativos, con un léxico especialmente rico.
O xurado estivo presidido polo deputado de Cultura, José Luis Valladares, sendo os vogais Felipe Ferreiro, Mariluz Villar, Ángela Ramallo e Xosé Lois González.
No acto de entrega do premio, o presidente da Deputación provincial, José Luis Baltar, felicitou aos premiados afirmando que independentemente de que os premiados “tiverades ou non trato con Carracedo, sodes herdeiros do espírito que imperou sempre nos seus traballos, onde había un compromiso permanente con Ourense e co seu ourensanismo e, ademais, unha capacidade de crítica e análise independente e desligada sempre de cuestións persoais”.
José Luis Baltar dixo que a satisfacción dos premiados “ten máis que ver co recoñecemento público e profesional do seu traballo, ese traballo constante ó longo do tempo e detrás do que hai un notable esforzo persoal e, incluso, eu diría que un compromiso vital. O xornalista non traballa para conseguir un premio, senón que o seu traballo forma parte dun compromiso coa sociedade que o rodea”.
O aspecto fundamental que define estes premios é a “Ourensanía”. Esa era a principal característica de Xosé Aurelio Carracedo, o seu compromiso permanente con Ourense, o seu orgullo de ser ourensán e a súa firme decisión de predicar ese ourensanismo defendendo os intereses da provincia de Ourense. “Carracedo segue sendo un exemplo a imitar, porque a súa actitude persoal e profesional non perdeu nin perde vixencia co paso do tempo”, dixo José Luis Baltar.
Pola súa banda os galardoados agradeceron o premio “pola importancia do mesmo, porque é un premio de Ourense, e porque honra a memoria dun gran xornalista como foi Carracedo”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario