14 de dec. de 2009

GALICIA

Mobilizacións de Amnistía Internacional en Galicia polos dereitos humanos

Un defensor de dereitos humanos colombiano visita esta semana tres institutos de Redondela e Tui



Recollida de sinaturas en Santiago o mércores 16 nas Facultades de Xornalismo e Ciencias Políticas por Aminatou Haidar e 8 presos de conciencia en Marrocos

Charla contra a pena de morte no IES de Torrecedeira de Vigo o venres
Amnistía Internacional / Galicia
Co gallo da celebración do Día Internacional dos dereitos humanos o pasado 10 de decembro, esta semana Amnistía Internacional mobilízase en distintas localidades de Galicia. Mañá martes 15, Amnistía Internacional organiza sendas charlas do defensor de dereitos humanos colombiano Vladimir Angulo no Instituto de Ensino Secundario (IES) Francisco Sánchez de Tui e no IES Pedro Florián de Redondela, que o mércores 16, visitará o IES San Paio de Tui.

Vladimir Angulo é un defensor de dereitos humanos do Val do Cauca e é membro do Proceso de Comunidades Negras. Participou como membro da Pastoral Afrocolombiana e apoiou as actividades desta organización de comunidades negras, onde participou na xestión e desenvolvemento da “Escola de Formación de Líderes Negros”. Tamén traballou coma asesor de mozos do río Cajambre apoiando e acompañando aos mozos da zona rural de Buenaventura.
“En Colombia hai máis dun millón de menores desprazados por mor do conflicto interno, unha cifra á que hay que engadir os preto de catro millóns de persoas desprazadas internas no país”, declarou Alberto Estévez, voceiro de Amnistía Internacional. Colombia é un dos Estados Parte da Convención dos Dereitos do Neno, o que implica o compromiso de converter estas normas nunha realidade para os rapaces e rapazas colombianos.

O mércores 16, activistas de Amnistía Internacional estarán nas Facultades de Xornalismo e Ciencias Políticas en Santiago de Compostela recollendo sinaturas pola liberación de 8 presos de conciencia en Marrocos e para que Aminatou Haidar poida regresar ao Sáhara Occidental. 7 deses presos de conciencia enfróntanse nun tribunal militar a varios cargos relacionados coa seguridade do Estado e poderían ser condenados a morte se son declarados culpables. O oitavo, Idriss Chahtane, director da publicación semanal Almichaal, foi detido en outubro tras publicar un artigo sobre a saúde do Rei Mohamed VI. Igualmente, activistas de Amnistía recollerán sinaturas para evitar a posible lapidación dunha muller, Kobra Babaei, tras a execución por aforcamento do seu home, sentenciados por “adulterio estando casados”.

O venres 18 de decembro, Flor Baena, irmá do vigués Xosé Humberto Baena, executado polo réxime franquista en 1975 tras ser torturado e ser sometido a un xuízo inxusto, pechará o ciclo de charlas no IES vigués de Torrecedeira e falará en contra da pena de morte e sobre o caso do seu irmán.
“Durante esas actividades tamén recolleremos adhesións para esixir a Estados Unidos e China que ratifiquen dous dos tratados de dereitos humanos máis significativos”, sinalou Estévez. Esta acción forma parte da campaña “O poder da túa sinatura”, accesible en
www.actuaconamnistia.org

Ningún comentario:

Publicar un comentario