25 de out. de 2009

BAIXO MIÑO

O BNG DENUNCIA “O ABANDONO E DISCRIMINACIÓN DO BAIXO MIÑO” NOS ORZAMENTOS DA XUNTA DE GALIZA PARA O 2010


Carme Adán (deputada no Parlamento galego) e Xosé Manuel Méndez (Responsábel Comarcal) durante a comparecencia

Infogauda / Baixo Miño

A deputada do BNG no Parlamento Galego pola provincia de Pontevedra, Carme Adán, denuncia que os Orzamentos da Xunta de Galiza para o 2010 “son claramente discriminatorios para o Baixo Miño”.

Carme Adán ofreceu unha rolda de prensa en Tui xunto co responsábel comarcal do BNG, Xosé Manuel Méndez. Ámbolos dous denunciaron que “o Goberno do PP marxina o Baixo Miño nos orzamentos da Xunta para 2010, xa que mesmo paraliza proxectos que xa estaban en marcha en varios concellos da comarca”.

Así, a deputada do BNG criticou “a escasísima asignación para proxectos tan importantes como o polígono empresarial de Tomiño e A Guarda, elimínanse partidas comprometidas polo anterior Goberno para a piscina municipal de Tomiño ou para o campo de bolos celtas, ou non aparece nada consignado para o colector de Carregal-Torrón”.

Ademais, Carme Adán criticou a supresión do Plan Sectorial de Vivenda, “que era fundamental tanto para A Guarda como para Tomiño”, ou a ausencia de partidas para proxectos culturais na comarca, como para a fortaleza de Goián.

No ámbito social, advertiu de que “non hai orzamentos para os equipos de igualdade que daban cobertura para toda unha zona onde non existen recursos para a igualdade, como é o caso de Tui e Tomiño”.

Asemade, criticou “a supresión dos programas para axuda ás redeiras, un sector profesional con moita importancia na Guarda”.
Por último, Carme Adán denunciou que a partida máis salientábel dos Orzamentos do Goberno do PP para a comarca, a destinada á autovía Tui-A Guarda, “é unha cantidade claramente insuficiente para que a obra se poida concluir e entrar en servizo nun prazo razoábel”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario