25 de out. de 2009

COMARCA DA ULLOA

A exposición fotográfica “Antigos soños de mulleres kichwas” no Centro Comarcal da Ulloa


Unha mirada sobre a vida das mulleres indíxenas da Amazonía Ecuatoriana da ONGD Paz e Desenvolvemento

Paz e Desenvolvemento Galicia ONGD / Galicia


A exposición “Antigos Soños de Mulleres Kichwas”, que durante os próximos meses percorrerá diferentes vilas galegas, é unha mostra itinerante a través da que se pretende achegar á sociedade galega á realidade das comunidades indíxenas da Amazonía Ecuactoriana e as loitas que veñen impulsando as mulleres nos ámbitos da saúde, a producción, a capacitación e a organización social, gardando a súa identidade e cosmovisión do mundo e da vida

A exposición fotográfica permanecerá do 26 de outubro ao 12 de novembro no Centro Comarcal da Ulloa. A mostra pode visitarse de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas de luns a venres e de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas os sábados. Ademais, o Centro programará unha proxección aberta ao público do documental “Antigos soños de mulleres kichwas”, unha producción de Santiago Carcelén complementaria ás fotografías.

A mostra fotográfica, froito do apoio de Luis Vera (fotógrafo paraguaio de Cruz Vermella Suíza) e da colaboración de Raquel Clausí (fotógrafa valenciana e colaboradora de Paz e Desenvolvemento ONGD), foi realizada a través dos ollos das verdadeiras protagonistas desta loita, as mulleres, e pretende dar a coñecer o proceso de empoderamento da muller indíxena kichwa, pertencente aos cantóns de Loreto e Tena, provincias de Orellana e Napo, na Amazonía ecuatoriana.

Paz e Desenvolvemento ONGD convida a través de 34 fotografías a compartir o traballo que está desenvolvendo como organización na Amazonía ecuatoriana, dentro do ámbito das prácticas de saúde intercultural, educación intercultural bilingüe, fortalecemento organizativo, así como creación e xestión de recursos a través de alternativas económicas sustentables, que contribúan a acadar os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, mediante a formación de capacidades locais, a través da recuperación e potenciación das prácticas e tradicións ancestrais.

Esta presentación forma parte do traballo coas organizacións de base Fonakin (Federación de Organizacións de Nacionalidade Kichwa do Napo) e a OCKIL (Organización de Comunidades Kichwas de Loreto), dentro do marco do convenio “Mellora das condicións de vida das comunidades indíxenas da Amazonía ecuatoriana”, subscrito entre Paz e Desenvolvemento ONGD e a AECID (Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento) e grazas á participación do grupo de mulleres Kallary muscuy warmi wuankuriska, traducido como ‘Antigos soños de mulleres organizadas’

Paz e Desenvolvemento ONGD

Paz e Desenvolvemento é unha organización non gobernamental para o desenvolvemento desde a que se tenta contribuír a mellorar as condicións de vida de comunidades en países empobrecidos. Realiza o seu traballo por medio dunha cooperación participativa, con especial atención á cuestión de xénero; isto é, a inserción da muller no desenvolvemento da súa propia comunidade en condicións de igualdade e de respecto.

O fin da organización é promover os cambios sociais e económicos a través da mellora da saúde, a educación, as infraestruturas básicas, a defensa da infancia, a promoción da muller... coa intención de que, pouco a pouco, se poidan reducir as desigualdades que impiden unhas relacións entre o norte e a gran maioría do sur en condicións de xustiza.

A través da súa Delegación en Galicia, Paz e Desenvolvemento ONGD opera desde e para a sociedade galega, tendo en conta a realidade social, asociativa, institucional e política propia. Na súa interacción coa cidadanía galega, as institucións e as sociedades de países empobrecidos, colabora con diferentes entidades tanto públicas coma privadas. Neste caso, a exposición fotográfica conta co apoio da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia.

EXPOSICIÓN “ANTIGOS SOÑOS DE MULLERES KICHWAS”

ORGANIZA E XESTIONA
Paz e Desenvolvemento Galicia ONGD

FINANCIA
Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia
Axencia Expañola de Cooperación para o Desenvolvemento (AECID)

COLABORA
Centro Comarcal da Ulloa

Ningún comentario:

Publicar un comentario