16 de maio de 2009

17 MAIO DE 2009: DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Nube coas palabras máis repetidas no manifesto unitario






DECLARACIÓN DAS COMISIÓNS EXECUTIVAS DO SINDICATO NACIONAL DE CCOO DE GALICIA E A UNIÓN XERAL DE TRABALLADORES DE GALICIA
Infogauda / Galicia


A lingua e a cultura son os valores máis representativos da identidade dun pobo. Para os traballadores e traballadoras galegas e para o conxunto da sociedade, son estes dous elementos, lingua e cultura, os piares esenciais do noso patrimonio cultural. Son os fundamentos máis senlleiros da idiosincrasia e singularidade de Galicia, que debemos respectar, manter e potenciar en todos os ámbitos da vida cotiá. Para o Sindicato Nacional de CCOO e a Unión Xeral de Traballadores de Galicia, a normalización completa e real da lingua é, polo tanto, unha demanda reiterada xunto co compromiso de fomentar e impulsar medidas que protexan, estimulen e favorezan o emprego do noso idioma en calquera eido da sociedade.
Certo é que, seguindo estas mesmas premisas, desenvolvéronse políticas e accións co obxectivo de dotar o galego dun marco legal que recolla de forma axeitada os dereitos lingüísticos e culturais da nosa sociedade. Mágoa que, aínda coa aplicación desas medidas, non se obtiveran os froitos desexados en termos de normalización e emprego do galego na sociedade. Mesmo nalgúns casos é inquietante o retroceso e ata o menoscabo que se experimenta no uso cotián do noso idioma. Preocupa a grave perda de galegofalantes nas xeracións máis novas.
Neste sentido, desde as nosas organizacións sindicais animamos a todos os galegos e galegas para que a normalización lingüística sexa completa; para isto, requírese unha resposta decidida de toda a sociedade. Cómpre telo en conta agora que se acaba de anunciar a derrogación do Decreto 124/2007 sobre o uso do galego no ensino, que pode supoñer un retroceso no uso e na promoción da nosa lingua no sistema educativo. Por iso, CCOO e UGT estamos presentando conxuntamente nas xuntas provinciais de persoal docente unha resolución na que, ademais de reclamarmos o mantemento do decreto, esiximos que calquera modificación da normativa conte cun amplo consenso da cidadanía e dos seus representantes políticos e sociais.
Instamos as administracións públicas, unha vez máis, á intensificación dos esforzos en prol da normalización efectiva e do impulso de medidas que teñan como finalidade a protección do idioma. Os poderes públicos galegos deben potenciar e estimular o emprego da nosa lingua en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, tal e como se recolle no Estatuto de Autonomía de Galicia. É necesario ter isto ben presente para cando se acometa a reforma do Estatuto, xa que o novo texto deberá reflectir, de xeito claro, os dereitos culturais e lingüísticos do pobo galego.
Do mesmo xeito, é necesario que as forzas políticas, sociais e económicas do país se impliquen de forma decidida na consecución deste obxectivo común coa posta en marcha de estratexias destinadas á estimulación e o emprego do galego.
Non debe esquecerse que a lingua ha ser sempre canle de comunicación entre persoas e un elemento que propicie a concordia, a unión, a convivencia e a cohesión social. Nunca debe ser utilizada como instrumento de confrontación ou de fractura social, nin como bandeira exclusiva ou diferenciadora e, do mesmo xeito, non pode ser elemento de discriminación. A potenciación do emprego do idioma, e, xa que logo, da nosa cultura, é un obxectivo reiterado e amplamente demandado polas nosas organizacións sindicais de UGT e CCOO e entendemos que este compromiso ten que estar por riba de calquera diferenza. Este pensamento é o que vimos defendendo dende UGT e CCOO tanto no mundo do traballo como en todos os eidos da sociedade.
Dende UGT e CCOO, con ocasión da celebración do 17 de Maio, alentamos a cidadanía galega a tomar parte nesta permanente e esencial tarefa para lograr a plena normalización lingüística.
Instamos, tamén, a todas as traballadoras e traballadores galegos a que se sumen a este compromiso e a que celebren con entusiasmo o Día das Letras Galegas, participando nos diferentes actos que se convoquen en todo o país. Animámolos, igualmente, a que continúen defendendo e espallando o gran valor que representa a lingua, e que así é entendido pola inmensa maioría da poboación, como un patrimonio que nos axuda a comprender o mundo e que é parte importante da nosa vida, unha vida pola que as organizacións sindicais seguimos a loitar para que esta sexa máis xusta e solidaria.



Unión Xeral de Traballadores de Galicia - Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Ningún comentario:

Publicar un comentario