A XUNTA IMPULSA NOVAS SENDAS DE USO MIXTO PEONIL E CICLISTA NA PO-552, NOS TREITOS CARREGAL-ÁREA DE DESCANSO E CURRÁS-O TORRÓN, NO CONCELLO DE TOMIÑO
― O Consello da Xunta aproba provisionalmente este proxecto que ten un orzamento estimado de 1,6 M€
― Intervirase no treito da PO-552 de algo máis de 1,5 km de lonxitude, entre os puntos 64+470 ao 66+010, e no tramo de algo máis de 2 quilómetros de lonxitude, do 67+360 ao 69+420), nas parroquias de Amorín, Currás e Sobrada
― A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas someterá proximamente este proxecto a información pública co obxectivo de aprobar, licitar e iniciar a execución das obras en 2027
Infogauda/Tomiño
O Goberno galego acordou impulsar a construción de sendas de uso mixto para peóns e ciclistas na estrada autonómica PO-552, nos treitos Carregal-área de descanso e Currás - O Torrón, no concello de Tomiño.
O Consello da Xunta aprobou hoxe de xeito provisional, para a súa próxima información pública, este proxecto cuxo obxecto principal é habilitar dous itinerarios no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 66+470 e 69+420 desta vía autonómica, a executar en dous subtramos ao seu paso polas parroquias de Amorín, Currás e Sobrada, no concello de Tomiño.
O orzamento inicial estimado deste proxecto rolda os 1,6 M€.
En concreto, intervirase no treito da PO-552 de algo máis de 1,5 quilómetros de lonxitude, entre os puntos quilométricos 64+470 ao 66+010, e no tramo de algo máis de 2 quilómetros de lonxitude, do quilómetro 67+360 ao 69+420), nas parroquias de Amorín, Currás e Sobrada.
O obxectivo é adaptar o espazo dispoñible neste treito de preto de 5 quilómetros de lonxitude, suprimindo ou minimizando o conflito co tráfico rodado. A PO-552 rexistra tráfico de medio percorrido e local, cunha intensidade media diaria total de 12.105 vehículos/día ata o punto quilométrico 69+140.
Ademais, trátase dun contorno periurbano con numerosos accesos e edificacións nas marxes, que atravesa os núcleos de Carregal, Currás ou O Torrón, onde se incrementa a densidade edificatoria (especialmente ao paso polo Torrón) que, en xeral, é de tipo unifamiliar. Ao longo dos tramos de actuación, atópanse algunhas zonas illadas con beirarrúa en fronte de vivendas.
Tramitación
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas someterá este proxecto a información pública, para efectos da Lei 8/2013, de estradas de Galicia, e para efectos expropiatorios, por un prazo de 30 días hábiles. Nesta intervención é necesario a expropiación de 38 predios (25 de titularidade privada e 13 de titularidade pública).
Unha vez resolta a información pública, procederase á aprobación definitiva do proxecto de construción e co obxectivo de licitar, adxudicar e iniciar as obras en 2027. O prazo de execución das obras é de 18 meses.
As actuacións recollidas nesta actuación da Xunta financiaranse con cargo a fondos do programa operativo Feder 21/27.
As actuacións
Proxéctase unha senda de ancho estándar de 2,50 metros que, puntualmente, se ampliou ou reduciu para adaptar a infraestrutura á realidade física do contorno (presenza de edificacións, peches e accesos), en combinación con segregación coa calzada mediante bordo enrasado e maximizando as dimensións das beiravías, mantendo 1,50 m de ancho en xeral. Disporase unicamente dun bordo elevado de 10 cm sobre a rasante nos tramos que conectan coas beirarrúas existentes e nas zonas destinadas ás paradas de autobús.
En determinados tramos, a presenza de edificacións ou peches ao bordo da calzada condiciona o espazo dispoñible. Para garantir a continuidade do itinerario accesible e un ancho de beiravía que asegure a maior protección dos ciclistas deportivos, modificarase lixeiramente o trazado en planta da estrada PO-552 mediante o desprazamento do eixe e o estreitamento dos carrís de circulación. Esta solución aplicarase especificamente entre os puntos quilométricos 65+050 e 65+310, 67+490 e 68+550, e 68+800 e 68+980.
Así mesmo, entre o quilómetro 65+310 e 65+920 proxéctase un cebreado central de 1,00 m de ancho, co obxectivo de acougar o tráfico no contorno da escola de Carregal. Tamén fronte á escola de Carregal de Abaixo se proxecta unha banda de aparcamento con funcionamento Kiss & Go para facilitar a baixada e recollida de alumnos, evitando así que os vehículos invadan o itinerario peonil.
No deseño da proposta que se someterá a información pública mantéñense as paradas de autobús actuais, habilitando apartadoiros para que a carga e descarga de viaxeiros non interrompa o tráfico. As únicas excepcións son as paradas situadas na marxe dereita, no quilómetros 64+850, 65+300, 68+180 e 69+120, cuxa remodelación xa está recollida noutro proxecto de mellora da accesibilidade e conectividade das paradas de autobús situadas na rede autonómica de estradas.
Ademais, como actuacións complementarias deste proxecto, inclúese a creación de áreas de descanso nos sobreanchos e zonas públicas lindeiras coa senda no contorno dos puntos 64+750, 68+410 e 68+740, mediante a implantación de zonas verdes, a plantación de especies arbóreas e arbustivas e a instalación de bancos.
Tamén se reordena a intersección no punto 64+960 da estrada, cun illote central para canalizar os fluxos de tráfico nos distintos sentidos de circulación e mantendo configuración actual do cruzamento, e se prevé a reforma da regulación semafórica no punto 69+150 da PO-552 para ordenar e protexer o cruzamento peonil sobre a vía secundaria que interseca pola marxe dereita.
No proxecto inclúense as correspondentes obras de drenaxe, repintado de marcas viarias, sinalización vertical, así como a disposición das canalización necesarias para a iluminación, prisma de telecomunicacións ou a reposición de servizos afectados, entre outros traballos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario