14 de nov. de 2026

TOMIÑO

O PSOE DE TOMIÑO DENUNCIA REPRESIÓN LABORAL CONTRA OS AXENTES DE POLICÍA QUE SE NEGARON A COOPERAR NO CARPETAZO DAS MULTAS 

• Mª Violeta de Santiago revela no Pleno o acoso laboral do BNG aos axentes de rúa que denunciaron as irregularidades e rexeitaron emitir informes falsos a favor da alcaldesa, Sandra González. 

• Os socialistas denuncian o grave prexuízo polas patrullas ilegais unipoliciais —a pesar de haber persoal na quenda—, a imposición de patrullas a pé permanentes que atrasan as urxencias e os problemas de conciliación familiar polos cuadrantes forzados. 

• O sindicato CSIF xa activou unha queixa oficial por persecución laboral ante unha situación de presión na que xa hai tres axentes con problemas de saúde por ansiedade e depresión e outro marchou en comisión de servizos. 


María Violeta de Santiago Moure e Mirta Isabel Misa Misa, concelleiras do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Tomiño 
Foto: GMS

Infogauda/Tomiño

 O Grupo Municipal Socialista de Tomiño, liderado por Mª Violeta de Santiago, amosa a súa profunda preocupación ante o clima de "represión e acoso laboral" focalizado contra os axentes da Policía Local que decidiron cumprir estritamente coa legalidade. Dende o PSOE aclaran que "este endurecemento das condicións de traballo comezou a raíz de negarse a mentir ante o requirimento do ORAL [Órgano de Xestión Tributaria e Recadación de Recursos Locais]. Isto derivou nun castigo directo e nunha vendeta política cara aos axentes de rúa concretos que denunciaron os feitos e rexeitaron fabricar informes á carta para camuflar o carpetazo da alcaldesa ás multas do seu entorno". 

 "A situación do cadro de persoal chegou a un límite insostible. Dos seis policías locais cos que conta o Concello (alén do oficial-xefe e dous auxiliares, unha das cales remata contrato este 30 de novembro), hai xa tres axentes apartados por problemas de saúde derivados de cadros de ansiedade e depresión, e outro marchou en comisión de servizos a Baiona por discrepancias coa xefatura. A maiores, a alcaldesa chegou ao extremo de prohibir expresamente que dous axentes concretos poidan traballar xuntos na mesma quenda". 

O choque de frases no Pleno 

 Na última sesión plenaria, a alcaldesa Sandra González fuxiu da súa responsabilidade escudándose en que "os sindicatos da mesa do concello non apoiarán esas demandas", dando a entender o control que posúe nese ente. Esta escusa recibiu a réplica inmediata e contundente de Mª Violeta de Santiago dende o escano para defender a conciliación das familias dos policías represaliados: "A este paso, e coas quendas imposibles que lles impoñen por castigo, calquera día os axentes terán que presentarse no traballo cos nenos". 

 Dende o PSOE lembran que "o cadro de persoal contaba cun cuadrante anual pactado coas vacacións e asuntos propios establecidos. Ao rompelo de xeito unilateral e negarse a responder ás peticións de negociación para conciliar a vida familiar e laboral, o goberno local causou un grave prexuízo na organización dos servizos. A isto súmase a imposición de patrullas a pé de forma permanente, unha medida que prexudica gravemente a inmediatez na resposta ante servizos urxentes nas parroquias". 

Ilegalidade nas patrullas en solitario e falta de formación obrigatoria 

 "Ilegalidade" [é] a obriga de realizar patrullas unipersonais. O PSOE denuncia que "se está a mandar aos policías a patrullar sós cando hai máis axentes ou auxiliares na mesma quenda que poderían ir con eles para evitalo. Esta decisión vulnera a normativa de prevención de riscos laborais e deixa aos axentes nunha situación de extrema vulnerabilidade ante situacións perigosas ou emerxencias, sen un compañeiro ao lado para auxilialos se lles pasa algo ou protexer aos veciños". 

 Por último, "o Grupo Municipal Socialista advirte dun grave incumprimento en materia de seguridade e capacitación: o Concello está a incumprir a formación e as prácticas semestrais obrigatorias do cadro de persoal. Coa escusa de que non hai orzamento, a próxima xornada formativa non será ata marzo de 2027, polo que os axentes levarán máis de 18 meses sen realizar esta actualización regulamentaria". O PSOE esixe a anulación urxente destes cuadrantes de castigo, o cumprimento da formación obrigatoria e o respecto aos dereitos dos traballadores. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario