A Deputación e o Consulado Xeral de Arxentina en Vigo dedican un ciclo de proxeccións á pioneira do cine arxentino María Luisa Bemberg no Museo de Pontevedra
• Do sábado 21 de novembro ao sábado 12 de decembro proxectaranse no Edificio Castelao os seus catro primeiros filmes, realizados entre 1981 e 1986
Infogauda/Pontevedra
A Deputación de Pontevedra a través do Museo de Pontevedra e o Consulado da República Arxentina en Vigo organizan un ciclo de cine dedicado a María Luisa Bemberg, guionista e directora pioneira do cine arxentino. Os próximos catro sábados, do 21 de novembro ao 12 de decembro, ás 19:00 h no Edificio Castelao, proxectaranse en orde cronolóxica as súas primeiras catro longametraxes: ‘Momentos’, ‘Señora de nadie’, ‘Camila’ e ‘Miss Mary’. O ciclo conta coa colaboración de Archivo María Luisa Bemberg e Lita Stantic Producciones.
María Luisa Bemberg (Buenos Aires, 1922-1995) irrompeu nunha época na que poucas mulleres dirixían películas no seu país. Cunha mirada crítica e un humor sutil, ampliou o lugar das mulleres no cine arxentino, tanto diante como detrás da cámara. A súa obra alcanzou recoñecemento internacional con ‘Camila’, coprodución arxentino-española nominada ao Óscar á mellor película estranxeira en 1985.
O ciclo arranca este sábado 21 de novembro con ‘Momentos’ (Arxentina, 1981 · 90 min). Narra a historia de Lucía, unha arquitecta casada cun médico maior ca ela, que inicia unha relación cun colega máis novo. O encontro lévaa a replantexarse o seu matrimonio e as decisións que tomou ata entón. Dirixiuna Bemberg, que compartiu o guión con Marcelo Pichón Rivière. No reparto están Graciela Dufau, Miguel Ángel Solá e Héctor Bidonde.
O sábado 28 proxectarase ‘Señora de nadie’ (Arxentina, 1982 · 98 min). Ao descubrir a infidelidade do seu marido, Leonor decide deixar o fogar familiar e comezar de novo. Nese proceso, a súa amizade con Pablo axúdaa a imaxinar unha vida distinta da que daba por sentada. Con dirección e guión de María Luisa Bemberg, foi protagonizada por Luisina Brando, Rodolfo Ranni e Julio Chávez.
O terceiro filme do ciclo é ‘Camila’ (Arxentina e España, 1984 · 105 min), que se poderá ver no Edificio Castelao o sábado 5 de decembro. Baseada en feitos reais, a película narra a historia de Camila O’Gorman, unha moza da sociedade porteña, e Ladislao Gutiérrez, un sacerdote. Nos tempos de Juan Manuel de Rosas, ambos deciden fuxir xuntos, e a súa relación convértese nun asunto público. Dirixe Bemberg, guionista xunto a Beda Docampo Feijóo e Juan Bautista Stagnaro. No reparto figuran Susú Pecoraro, Imanol Arias e Héctor Alterio.
O ciclo pecharase o 12 de decembro con ‘Miss Mary’ (Arxentina, 1986 · 106 min). En 1938, unha institutriz inglesa chega a unha estancia arxentina para facerse cargo da educación de tres irmáns. A través da súa convivencia coa familia, a película retrata os costumes dunha clase acomodada nun país que comeza a cambiar. A dirección é de María Luisa Bemberg e o guión dela mesma e Jorge Goldenberg, a partir dun argumento de Beda Docampo Feijóo e Juan Bautista Stagnaro. No reparto están Julie Christie, Luisina Brando, Nacha Guevara e Eduardo Pavlovsky.

Ningún comentario:
Publicar un comentario